A Galiza ignorada

A catedral de Compostela, expresión do poder do Reino de Galiza

A catedral de Santiago de Compostela atende tamén á axenda internacional do Reino de Galiza e a súa acción diplomática no marco europeo.
Vista xeral da fachada das Praterías da Catedral de Santiago. (Foto: Arquivo fotográfico da Fundación Catedral de Santiago)
photo_camera Vista xeral da fachada das Praterías da Catedral de Santiago. (Foto: Arquivo fotográfico da Fundación Catedral de Santiago)

É a expresión da hexemonía de Galiza no contexto dos reinos cristiáns ibéricos. A creación e posta en marcha do fenómeno xacobeo, en disputa con outras áreas do espazo peninsular, nomeadamente con Asturias, ou a construción dunha obra pública da magnitude da catedral de Santiago de Compostela son o resultado dun programa político impulsado pola oligarquía galega, só explicábel desde a perspectiva do seu papel reitor na área cristiá.

Ao fin, unha operación de grande magnitude, na que será decisiva a actuación dos reis galegos, sinalándose de xeito moi particular nas obras Fernando II, alcumado despectivamente ao igual que o seu fillo “o galego” por leoneses e casteláns, e o seu sucesor Afonso VIII, mal chamado o noveno pola historiografía españolista.

Sinalou Serafín Moralejo, o máis reputado estudoso do templo compostelán, que o xeneroso patrocinio de Fernando II e Afonso VIII aos traballos da catedral, achegando fondos e mesmo autorizando o cabido a acuñar moeda coa que financiar as obras, responde á vontade de concluír o santuario nacional do seu reino e rematar o seu propio panteón dinástico, enterrándose un e outro monarca na súa capela real, nuns sepulcros que segundo o experto citado garda grande semellanza coa arte do Pórtico da Gloria.

A folla de ruta destes dous reis, coherente coa orientación tradicional da monarquía galega, non terá continuidade con Fernando III, fillo de Afonso VIII, enfrontado ao pai que o apartou da liña sucesoria e que rematará por unir Galiza e Castela baixo unha mesma coroa.

A catedral de Santiago de Compostela atende tamén á axenda internacional do Reino de Galiza e a súa acción diplomática no marco europeo. Unha reivindicación de vello da oligarquía galega para aumentar o seu poder e a proxección exterior do país era a división da orbe cristiá en tres sés apostólicas, mantendo a de Roma en relación con San Pedro e poñendo en marcha a de Efeso ligada a San Xoán e a de Compostela vinculada a Santiago.

A consecución deste obxectivo, que no seu momento provocou a excomuñón do bispo Cresconio e que está perfectamente fixada no mapa do beato de Osma, guiou toda a política de Xelmírez e dos monarcas galegos, até o punto de sinalar Fernando II, no diploma polo que contrata o mestre Mateu para executar as obras do Pórtico da Gloria, o templo como lugar de encontro das nacións do mundo e parada obrigada de reis.

Máis en Información do Reino
Comentarios