CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Life

life1
photo_camera Un fotograma do filme

LIFE

(EUA 2017, 104 min.) 

Dirección: Daniel Espinosa

Guión: Rhett Reese e Paul Wernick

Fotografía: Seamus McGarvey

Música: Jon Ekstrand

Elenco: Jake Gyllenhaal, Rebecca Ferguson, Ryan Reynolds, Ariyon Bakare, Hiroyuki Sanada, Olga Dihovichnaya

SINOPSE

A Estación Espacial Internacional recibe unha sonda coa primeira evidencia de vida en Marte: unha célula en estado letárxico. Deciden espertala. 

CRÍTICA

Unha nave espacial, un alieníxena cabreado e varios tripulante en perigo. Ler a trama de Life e pensar en Alien (1979, Ridley Scott) é todo un, así que... por que (mal)gastar os cartos nun pseudo-remake estando tan perto a estrea de Alien Covenant, tamén de Ridley Scott? Pois non che sei o que pode pensar cada quen, pero podemos lanzar ao ar uns cantos razoamentos... O primeiro motivo podería ser precisamente ese, ter tanta ansia viva por ver algo que lembre minimamente a obra mestra de Ridley Scott que calquera cousa que a rememore active inmediatamente a elección na billeteira; outra causa podería ser que, como afeccionadas ou afeccionados ao xénero, sintamos a forza gravitacional de atracción por calquera filme do espazo; ou ben, simplemente pode xurdir o beneficio da dúbida e dar esa pequena oportunidade a un filme do que non podemos crer que sexa un calco tan evidente de Alien. Pois ben, as tres razóns son perfectamente válidas e atinadas...

O sueco, de ascendencia chilena, Daniel Espinosa, sabedor de que a súa primeira incursión na ciencia-ficción espacial lembraría poderosamente o filme de Ridley Scott, non só decide non ocultar as súas referencias, senón que logra homenaxealo en varias secuencias e, ao mesmo tempo, logra tirar por camiños suficientemente orixinais e atractivos acadando algo que, a priori, parecía imposíbel: consegue que nos esquezamos (case) por completo das semellanzas con Alien e nos inmiszamos de cheo na historia proposta en Life. Por suposto ten moito que ver o intelixente guión do dúo formado por Rhett Reese e Paul Wernick (responsábeis tamén de Deadpool ou Benvidos a Zombieland) que, se ben ten algunha que outra licenza argumental que non aprobaría ningún enxeñeiro da NASA, está o suficientemente traballado como para que non detectemos demasiadas lagoas e non nos saque do cinema á primeira de cambio. Elenco estelar no que destacan Ryan Reynolds (Deadpool), Rebecca Ferguson (Misión Imposíbel: Nazón Segreda), Jake Gyllenhaal (Brokeback Mountain) ou a estrela nipona Hiroyuki Sanada (Sunshine). Atención á presentación da nave e das personaxes nun longuísimo plano secuencia inicial, ou mellor dito, simulando ser un só. Virtuosismo de cámara que engancha e non solta até o final. O resto ten o que se espera dun filme destas características: unha boa dose de suspense espacial, pingas de terror e decisións in extremis. Mellor non pedir palomitas porque coas unllas hai dabondo... Por suposto hai un impresionante despregue de efectos visuais que non teñen nada que envexar ao nivel de excelencia acadado en Gravity (2013, Alfonso Cuarón). Life é puro entretemento si, pero un entretemento que non toma por parvo ao persoal. Toda unha sorpresa que apunta a saga... mais semella que, de ser así, a cousa probablemente tirará por estratexias narrativas algo diferentes do que se poida pensar; igualiño que o erro de pensar que Life sería un pastiche de Alien.

Comentarios