Laura Suárez publica 'Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo Celta'

Laura Suárez: "Pareceume interesante aproveitar para falar da importancia da conservación natural"

Orixinal da Costa da Morte, Laura Suárez quixo dar a coñecer o monte ao que levaba subindo desde pequena e todo o que xira ao seu redor. Deste modo, recolleu lendas, historias e demais curiosidades sobre o lugar no seu primeiro libro en galego Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo Celta, do que é autora e ilustradora.
É o primeiro libro en galego de Laura Suárez, do que é tanto escritora como ilustradora. (Foto: Mar Cerviño)
photo_camera É o primeiro libro en galego de Laura Suárez, do que é tanto escritora como ilustradora. (Foto: Mar Cerviño)

Como xorde esta obra?

A idea de confeccionar este libro nace polo descoñecemento que hai sobre o monte en si, até para a xente que é da zona. Eu son de por alí e levo subindo ao Pindo moitos anos, pero nunca fun consciente da cantidade de lendas, historias e curiosidades que garda. Unha vez subín nunha visita guiada dun veciño de alá, Pepe do Fieiro, e comezou a falar de que había ruínas dunha ermida, de que as pedras estaban gravadas con cruces... unha cantidade inxente de mitoloxía e lendas relacionadas coa nosa cultura. Pensei que estaría ben facer un libro enfocado cara aos máis pequenos, aínda que calquera que lle guste o Pindo poderá sentirse identificado co que conta. 

Logo, tamén me pareceu interesante aproveitar este formato para falar da importancia da conservación natural. Xa desde pequenos temos que aprender que o mundo é de todos e que hai que respectalo e coidalo. Non debemos tirar lixo ou estragar as pedras, que mesmo poden gardar algo importante, igual que sucede coas árbores e con todo o espazo natural. É un valor que hai que ir aprendendo ao longo dos anos e se podemos ir achegándonos a el desde cativos, moito mellor.

Que estrutura segue Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo Celta?

Na primeira páxina aparece un mapa que explica un pouco a súa situación e as vilas que se atopan ao redor. A partir diso xa comeza a introducir rutas, que van acompañadas das súas respectivas lendas ou curiosidades, ademais desa parte histórica que hai nas rutas. Tenta seguir unha orde o máis achegada posíbel ao espazo que puiden facer. Logo, ao final, aparece a Fervenza do Ézaro e o seu miradoiro, tamén coas lendas que existen sobre ela, que non moita xente as coñece.

Cal foi o proceso de creación do relato?

Comecei a falar con diferentes persoas de diversos ámbitos. O proceso empezou por Pepe, que contou esa parte das lendas. Logo tamén estiven conversando con Fernando Alonso Romero, que fixo estudos sobre as mouras e as meigas da Cova da Xoana, que está no Pindo.

A verdade é que todas as persoas coas que puiden contar estiveron moi involucradas, non dubidaron en botarme unha man. A parte escrita comezou por esa recollida que logo fun adaptando. Quería que a lectura fose máis sinxela para que as nenas e nenos se interesasen, aprendesen un pouco e poder introducilos nesta cuestión. Intentar que soñen sobre o que poden descubrir no monte, que aínda queda moito por coñecer.

Na parte artística, fun facendo esbozos nun caderno, escribindo e debuxando á vez. Fixen unha mapa sobre o monte para ir introducíndome. Tamén me axudou moito ir visitalo para facer bosquexos. Estaba alí e pintaba as pedras e demais, para que se poidan recoñecer ou mesmo para acudir alí co libro. Podes facer as rutas con el na man, serve tamén como unha guía. Se en calquera momento me bloqueaba, podía ir pasear por alí e sentir todo o que che fai sentir o monte, axudaba moito a seguir traballando.

Como ve a situación do panorama literario infantil galego na actualidade?

O certo é que temos unhas escritoras moi boas de literatura infantil, véxase Ledicia Costas, Concha Blanco, María Canosa... Tamén temos unhas editoras que coidan moito as edicións dos libros en galego, recoñecidas a nivel nacional e mesmo internacional. Creo que está collendo un maior protagonismo e que se están a facer ben as cousas. Hai xente con moito talento traballando pola literatura infantil e cada vez irá indo a máis.

Eu medrei con libros en galego e vexo que cada vez hai máis obras e un catálogo máis extenso. É unha marabilla. Ademais, pouco a pouco vai existindo un maior respecto por parte de todo o mundo, que tamén se fai necesario.
 

Comentarios