CONTRACULTURA

Laura Rodríguez (Mupega): "O xogo estivo presente no ámbito escolar e ten unha función destacada na aprendizaxe"

Laura Rodríguez (A Coruña, 1985) exerce como asesora técnica no Museo Pedagóxico da Galiza (Mupega), onde organizan diversos obradoiros de temática mensual co obxectivo de achegar a tradición ás crianzas.
A asesora técnica do Mupega, Laura Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A asesora técnica do Mupega, Laura Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

—Veñen de rematar Factoría de xoguetes, un obradoiro arredor da fabricación de xoguetes tradicionais. Como xorde esta idea?
Os obradoiros para a cativada comezaron hai anos, é unha das liñas de traballo importantes que temos na área de didáctica. É unha forma de intentar achegar a nosa colección e o patrimonio ás crianzas, facéndoo de forma lúdica e atractiva para elas. Ese sería o obxectivo principal que sempre intentamos lograr, pero é certo tamén que ao mesmo tempo somos conscientes de que estamos nun barrio no que non hai moitas alternativas culturais dirixidas a estas idades, polo que esta tamén é outra motivación que nos leva a seguir programando este tipo de cousas. 

Ao final é dar alternativas de ocio cultural na nosa contorna e na comunidade máis próxima. A xente asocia o museo a toda esa parte da colección que ten que ver con material que procede de escolas de diferentes períodos históricos, mais dentro das salas tamén temos algunha sección dedicada ao xoguete tradicional. Ao final, os xogos tamén teñen unha función moi destacada na aprendizaxe da cativada e dalgún modo estiveron presentes no ámbito escolar. Ao facer estes obradoiros logramos vincular esta cuestión, intentamos traballar temáticas ou con algunha peza que teña que ver coa propia colección do museo.

A dinámica consistía primeiro en traballar dentro da propia sala expositiva na que temos diferentes xoguetes tradicionais, observando as propias pezas, dialogando coa rapazada e pondo en contexto e en relación coa súa propia experiencia actual. Isto é algo moi interesante que podemos facer sempre, porque a escola e o xogo é unha realidade moi próxima e é moi doado facer que entren nesta dinámica de imaxinar como sería no pasado.

Despois deste traballo de conversa, pasabamos á parte de traballo manual na que recreamos xoguetes que observaran na sala. Deste modo, comprenden mellor como no pasado moitas veces a rapazada tiña que construír os seus propios xoguetes. 

—Cales son eses xoguetes que máis chaman as crianzas?
Algunhas delas aínda coñecen algún destes xoguetes e incluso os seguen utilizando, a pesar de que poidan cambiar os materiais ou o aspecto, como pode ser o caso de bonecos e bonecas ou trompos e buxainas. Mais si que é certo que hai outros xoguetes que son máis descoñecidos e por iso intentamos deternos máis neles pola curiosidade que espertan. Aquí entrarían os carrizos, uns xoguetes sonoros; o rinrán, que se constrúe con noces e que une a sonoridade cun efecto de movemento que chama moito a atención; as zoadeiras, que algunhas crianzas coñecen porque se foi motivando desde os centros educativos. 

—Con este traballo desde os centros e os obradoiros do museo, perciben maior achegamento a estes xogos?
Pola miña experiencia cos centros escolares que acoden a visitar o museo e coas crianzas que veñen aos obradoiros teño a sensación de que é un tema que en moitas escolas se está traballando. De feito, hai veces nas que non se toca o tema só en materias concretas como pode ser Educación Física, senón que se poñen en marcha proxectos que implican a totalidade da escola no coñecemento e na recuperación de xogos e xoguetes. É un traballo que se fai ao longo do curso, implicando todas as materias, e resulta moi interesante.

No museo temos unha perspectiva máis vinculada á cuestión do patrimonio ou de análise da sociedade, mais segundo o enfoque que se lle dea pódense traballar infinitas cousas a través do xogo.

Comentarios