Contracultura

Laura Cid: "Non adoito debuxar persoas; relaciono as súas características cun animal que as representa"

Laura Cid Rascado foi galardoada na terceira edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi polo seu conto infantil 'Maruchi e o gancho', a primeira historia deste estilo na que tanto as ilustracións como o texto saen da súa man.
A autora Laura Cid xunto a unha páxina do seu conto 'Maruchi e o gancho'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A autora Laura Cid xunto a unha páxina do seu conto 'Maruchi e o gancho'. (Foto: Nós Diario)

—Este é o seu primeiro conto realizando ilustración e texto. Como xurdiu este proxecto?
O ano pasado rematei a carreira de Belas Artes e para o meu traballo de fin de grao decidín facer unha especie de libro ou conto en formato acordeón realizado con ilustracións, sen ningún tipo de texto, que estivo exposto no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco). O ano pasado xa enviara outra proposta ao Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi en colaboración coa miña curmá: ela elaborara os textos e eu fixera as ilustracións.

Con todo, é certo que non houbo moita compenetración, quero dicir, eu estou moi contenta co resultado porque para ser o noso primeiro libro era un bo traballo e todo o proceso de elaboración con ela foi moi ameno. Si que penso que lle faltaba darlle outra volta para que puidese ser un bo conto para crianzas. Quizais facéndoo soa é máis sinxelo porque podes decidir onde cadran mellor as ideas que tes, mentres que ao facelo a catro mans cada unha ten as súas ideas e pode que encaixen ben xuntas ou pode que non. Para este ano decidín facer eu ambas as cousas e envialas a ver que pasaba, tampouco esperaba gañar.

—De onde partiu a idea para a historia?
Normalmente non debuxo persoas, senón que relaciono as características dunha persoa ou os seus gustos e intereses cun animal que eu considero que as representa. A curmá de miña nai, Maruchi, é a miña veciña e ela pasa moito tempo coas súas galiñas, na casa, coidándoas e demais. Un día decidín facerlle un debuxo dela sendo unha galiña póndolles roupa a outras dúas galiñas porque tamén lle gusta moito o gancho, apréndeme moito e facemos bonecos e demais proxectos xuntas. Ao ver esta ilustración que inicialmente era un agasallo inspiroume para facer un conto, porque ademais ela tamén é un pouco despistada, por exemplo, merca un agasallo para outra persoa, gárdao nalgún sitio e logo esquécese de onde estaba.

Estas características súas permitíanme trasladalas ao conto e darlle unha chispa ou un toque de humor que me apetecía transmitir e mostrar. De feito, precisamente o xurado salientou esas trazas máis cómicas dentro dunha historia con moita tenrura, que era exactamente o que eu pretendía transmitir. 

—Cal foi a súa reacción cando viu esta historia na que aparecía representada?
Pois foi unha sorpresa. Claro, ela sabía que quería volver presentar un conto a este premio, mais non quixen dicirlle moito máis. Cando me chamaron para dicirme que gañara eu, non o cría. De feito, puiden falar co xurado e non deixei de agradecerlles en todo momento pola emoción que tiña. Nada máis sabelo fun con Maruchi para ensinarlle o conto e encantoulle tanto que xa quere telo para poder lelo cos seus netos. Unha vez que pasou esa emoción inicial e que tamén foi vendo ben a historia e as explicacións que eu daba sobre ela xa comezou a dicir que a estaba deixando fatal e como unha persoa moi despistada. A iso sempre lle contesto que o que pasa é que vai ser famosa.

—Está traballando nalgún próximo proxecto?
Eu sempre dicía que cando medrase, querería ser mestra, traballar con crianzas, e ilustrar e esas son as dúas cousas que estou facendo agora, polo que estou moi contenta. Con respecto a próximos proxectos, estou traballando noutro conto infantil que tamén quería presentar a outro premio. Segue a mesma liña que os meus traballos anteriores, xa que neste caso está protagonizado por unha araña. Con todo, ao estar traballando penso que vou bastante xusta de tempo e que non vou chegar. O meu plan actualmente é bastante similar ao que tiven co de Maruchi, comezalo e que pase o que teña que pasar. Se consigo telo a tempo para presentalo coa calidade que quero, perfecto, e se non seguirei traballando nel até poder presentalo na vindeira edición.

Comentarios