Lala Brooks ilumina o Outono Rock Festival

Bandas galegas mesturarán os seus sons cos de estrelas mundiais no Outono Rock Festival.  Los Eternos, Dr Gringo e The Allnight Workers sumánse a un cartaz encabezado pola mítica diva do soul, LaLa Brooks, e o “titán da Telecaster”, Bill Kirchen, na segunda edición no festival que comeza o próximo 29 de setembro en Compostela.

O Outono Rock Festival arranca o próximo 29 de setembro a súa segunda edición cunhas propostas que combina os sons dalgunhas das bandas galegas de maior proxección cos achegados por destacadas estrelas internacionais do soul, o rythm&blues e o rock´n roll. Son estes os xéneros sobre os que xira un festival que mantén aberto “tamén un compromiso permanente coa música feita no país”, segundo explica Xavier Freire, un dos voceiros do certame impulsado por A Reixa e Raíña Productions, que conta tamén con distintos patrocinios privados. 

A proposta do Outono pasa por unha coidada selección musical que mestura grandes estrelas, bandas de referencia a nivel internacional e grupos galegos que, segundo Freire, “non teñen nada que envexar a ninguén; están despuntando con forza pola súa inmensa calidade, nalgúns casos e para sorpresa de moitas persoas, tamén a nivel internacional”.

Así, nesta segunda edición do Outono, serán Los Eternos (Cedeira), Dr Gringo (Santiago) e The Allnight Workers (O Grove) quen completen a proposta galega, compartindo escenario con estrelas da talla de LaLa Brooks (diva do soul e voz solista do mítico grupo dos anos '60, The Crystals) ou Bill Kirchen (ex dos gloriosos Commander Cody), bautizado mundialmente como o “titán da Telecaster” pola súa mestría á guitarra.

Completan o cartel tres grupos de referencia no actual panorama internacional: chegarán desde Alemaña Ray Collin´s Hot Club (a big ban de moda); desde California e despois de encher os escenarios de medio mundo, Jeff Hershey&The Heartbeats; e desde Catalunya, os Mambo Jambo (grupo residente da barcelonesa sala Apolo que está arrasando por todo o estado). 

Os dous primeiros abrirán xunto a Los Eternos a primeira noite do Outono o sábado 29 de setembro. O terceiro compartirá escenario xunto a Dr Gringo co mítico Bill Kirchen o vindeiro 29 de outubro. A gran LaLa Brooks aterrará o 27 de outubro desde Nova York para ofrecer un peche de luxo ao festival xunto a The Allnight Worker, na cal será a primeira e exclusiva actuación da diva do soul en Galiza. Todo na Sala Capitol de Santiago de Compostela, sede do Outono Rock Festival.

As entradas teñen un prezo de 18 euros (+gastos) en venta anticipada e 22 euros no despacho, aínda que é posíbel mercar un bono para os 3 concertos por 36 euros (en venta anticipada) e 39 euros (a partir do 14 de setembro). A organización puxo tamén en circulación o denominado “rock´nporte”, un “pasaporte” directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen unha compra ou consumición en 14 dos case 100 establecementos comerciais e hostaleiros de Santiago e comarca que colaboran co festival. 

Segundo Xavier Freire, a idea é que o festival “non sexa só un ciclo de concertos, senón que contribúa tamén a dinamizar a actividade cultural e na medida das súas posibilidades, comercial e hostaleira do seu contorno”. Así este ano, e como xa acontecera na súa primeira edición, o Outono inclúe distintas actividades complementarias, como un ciclo de pinchadas ao remate de cada concerto (no compostelán pub A Reixa, cos DJ Rafa Morcedo, Javier Savoy e o coruñés The Hyppest of Cats) ou a exposición na Galería Metro de Santiago (do 5 ao 24 de outubro) da obra de Marcos Torres, autor dunha narrativa visual impactante caracterizada polo seu forte vínculo coa música, o cine, o cómic e a mitoloxía Pop (Torres é premio Pop Eye ao mellor artista emerxente estatal en 2011).

Comentarios