Kómic Libraría, Abeluria e Orixe reciben o Manuel Beiras

O galardón premia o uso comercial do galego
Xosé Barreiro, de Kómic, recibe o premio esta segunda feira (Foto: Concello de Santiago de Compostela).
photo_camera Xosé Barreiro, de Kómic, recibe o premio esta segunda feira (Foto: Concello de Santiago de Compostela).

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu onte a gala de entrega da XXIII edición dos Premios Manuel Beiras, baixo o lema 'Prende o galego. Brilla con luz propia'. Estes premios, que desde o ano 2000 convocan o Concello de  Santiago e a Cámara de Comercio, buscan recoñecer e pór en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación. 

O evento estivo conducido polo grupo compostelán Os da Ría e nel participaron o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Política Lingüística, Rubén Prol; e a vogal do Comité Executivo da Cámara de Comercio, María Pais, que entregaron os galardóns. Ademais, tamén asistiron representantes do tecido empresarial da cidade, así como integrantes da Corporación Municipal, da Cámara do Comercio e da familia de Beiras. 

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Kómic Libraría, un estabelecemento especializado do Ensanche santiagués que leva 35 anos guiando a súa clientela polo mundo das historias ilustradas e procurando que cada día o galego sexa parte do seu universo creativo. 

Abeluria Sociedade Cooperativa Galega foi a empresa recoñecida na categoría dos premios de nova incorporación ao galego. Esta consultora, situada no rural de Compostela desde o ano 2018, fornece servizos ás entidades de economía social, empregando o galego como soporte de traballo e vehículo dos seus valores. 

O xurado resolveu concederlle o Premio Manuel Beiras na categoría de empresa cunha comunicación innovadora a Orixe, un restaurante e tenda de ultramarinos de Santiago que aborda unha estratexia comunicativa completa, presencial e virtual, en lingua galega, como parte esencial da marca. 

Kómic Libraría, Abeluria e Orixe foron as empresas distinguidas nos Premios Manuel Beiras

Distinción de Acisclo Manzano

Como distinción, as persoas galardoadas recibiron unha escultura creada polo artista ourensán Acisclo Manzano que poderán amosar nos seus establecementos como garantía do seu respecto polo idioma galego. 

O nome dos Premios Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista por ser exemplo de comerciante comprometido con Compostela, coa Galiza, a cultura e a lingua.  

Comentarios