Cinema

Realmente foi José Sellier o primeiro en rodar un filme na Galiza?

O vindeiro día 21 conmemórase o centenario da morte de José Sellier, que rodou en 1897 o Entierro del General Sánchez Bregua, considerado durante algún tempo a primeira película rodada na Galiza e mesmo no Estado. Porén, a provisionalidade dos datos sobre o cine da época obriga a revisar as certezas constantemente: unha película dos portugueses Cesar Marques e Alexandre Pais de Azevedo teríase adiantado nuns meses á de Sellier.
José Sellier foi o autor da foto de voda das agora célebres Elisa e Marcela, as primeiras mulleres casadas pola Igrexa.
photo_camera José Sellier foi o autor da foto de voda das agora célebres Elisa e Marcela, as primeiras mulleres casadas pola Igrexa. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro día 21 celébrase o centenario da morte de José Sellier, unha figura discutida da historia do cinema galego. Louis Joseph Sellier Loup naceu o 13 de agosto de 1850, na vila francesa de Givars, no Departamento do Rodano, a uns 20 quilómetros da cidade de Lyon. No ano 1886 instálase na Coruña, onde o seu irmán Louis Sellier levaba uns anos instalado como fotógrafo.

No número 86 da rúa Real instalouse, daquela, o gabinete fotográfico que levaba por nome "Fotografía de París de Sellier Hermanos", até que en 1894, José monta o seu propio estudio na rúa de Santo André. Viaxa con frecuencia a Francia para estar ao tanto das novas innovacións técnicas e, nunha desas viaxes, consegue facerse cun cinematógrafo dos irmáns Lumière. 

O 20 de xuño de 1897, Sellier rodou O enterro do xeneral Sánchez Bregua, que durante anos foi considerada como a primeira película rodada na Galiza, e mesmo a primeira rodada no Estado español. Non obstante, a constante provisionalidade dos datos sobre a nacente industria cinematográfica nesa época non permite, de momento, facer afirmacións taxativas. 

Manolo González, especialista na historia do cinema galego que vén de publicar en Galaxia Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil, explica ao respecto que, probabelmente, a primeira película rodada na Galiza sexa obra dos portugueses Cesar Marques e Alexandre Pais de Azevedo, asociados á casa Lumière, que rodaron en Ferrol a Botadura do acoirazado Cardenal Cisneros, "que tivo lugar en marzo de 1897, mentres que o enterro do xeneral Sánchez Bregua foi en xuño. É moi posíbel que este sexa o primeiro filme rodado aquí, aínda que non se pode descartar que algún dos outros filmes de Sellier fose anterior. Pero, polo de agora, non hai forma de demostralo. O que si é certo é que a de Sellier é a primeira película exhibida na Galiza, nunha sesión na que tamén se proxectaron outros títulos da súa autoría". 

Un negocio ruinoso

González subliña que o negocio do cinematógrafo, nos seus primeiro anos, era "unha ruína económica. O exhibidor tiña que comprar as películas, que custaban unhas tres mil pesetas da época, un diñeiral. E claro, para facer rendíbel a compra, había que exhibila en diferentes lugares, xa que o público potencial dunha única cidade non amortizaba o investimento".

Por esa razón, o cinematógrafo foi, durante os primeiros tempos, un espectáculo ambulante. Só a partir de 1907 empezan a alugarse, por iniciativa da empresa francesa Pathé, as películas, dando lugar ao estabelecemento das salas cinematográficas estábeis.  

Sellier, que seguiu filmando as súas propias películas, e mesmo percorreu  varias cidades da Galiza exhibíndoas, non era, porén, o tipo de persoa que se puidese afacer a esa vida ambulante. "El era un home de procedencia burguesa, moi asentado na cidade da Coruña, e o cine foi para el pouco máis que un entretemento, unha curiosidade", explica González. "De feito, en canto o cinematógrafo se estabelece como espectáculo popular, el abandónao e continúa co seu negocio de fotografía. Nese momento é onde entran en xogo persoas como José Gil, que si que está entregado ao cinema e que é un auténtico pioneiro".

Unha historia que debe reconstruírse sen os filmes

Sellier proxectou na Coruña e noutros puntos da xeografía galega outros filmes rodados na cidade como Cantón Grande, Desembarco de feridos de Cuba no noso porto ou Fábrica de gas. Lamentabelmente, non se conserva ningunha daquelas fitas, malia que hai noticias da súa existencia pola prensa da época. Tampouco se conserva o filme de Azevedo e Marques rodado en Ferrol, mais si que se conservan cartaces que anunciaban a proxección da película. 

Sellier realizou as primeiras proxeccións cinematográficas dos seus filmes no seu estudio fotográfico da rúa de Santo André, até que a finais de 1898 pasou a celebralas no Circo Coruñés, de iniciativa de Lino Pérez Lastres, quen posteriormente instalaría alí o seu propio local, o célebre Pavillón Lino.

Comentarios