CONTRACULTURA

José M. Piedra: "O camiño que levamos desde hai anos en relación aos poemas galegos foi o que consagrou Astarot"

O grupo de rock galego orixinario de Cangas (O Morrazo) Astarot ten á batería José M. Piedra. A banda vén de facer 40 anos e Piedra aborda o percorrido do emblemático grupo así como o concerto de celebración deste aniversario e os futuros proxectos.
De esquerda a dereita, Carlos Rodal, Juan Antepazo, Nano Vikendi e Carlos Gandón. Diante, José M. Piedra. (Foto: Astrid Souto)
photo_camera De esquerda a dereita, Carlos Rodal, Juan Antepazo, Nano Vikendi e Carlos Gandón. Diante, José M. Piedra. (Foto: Astrid Souto)

—Tras 40 anos de traxectoria, como ve a banda hoxe?
Baixo o meu punto de vista é precisamente o camiño que levamos desde hai moitos anos en relación aos poemas galegos o que consagrou o grupo. Ás veces é difícil que unha banda como a nosa, que non vivimos da música e temos outros traballos, siga adiante. Tamén tivemos algunhas dificultades, como compañeiros que se deron de baixa, co que supón buscar outra peza fundamental. 

O que dicimos sempre é que somos unha familia de amigos: primeiro preocupámonos os uns polos outros e despois está a música. Creo que iso é o que nos mantén xuntos, porque ti podes comezar un proxecto así con moita ilusión e moitas ganas, mais ao non vivir da música tamén podes acabar obrigado a tomar outros camiños. Tamén a certas idades pode que teñas menos tempo e non che compense tanto. 

Por iso para nós era tan importante celebralo coas persoas que nos seguen e coas nosas amizades, recordar a historia e eses tempos do grupo, porque 40 anos non se fan todos os días. 

—Celebraban o aniversario cun concerto o 6 de maio. Cumpriu as expectativas?
O certo é que si. Todas as persoas coas que queríamos contar aceptaron a nosa proposta e ademais quixeron axudar de todo corazón. Para nós ese foi o primeiro agasallo. Despois, a idea inicial sempre foi celebralo en Cangas porque é o noso fogar e acabaron vindo arredor de 700 persoas, algunhas que levan seguindo o grupo desde as primeiras etapas. Estamos moi contentos co resultado, porque ao final nas nosas redes sociais sempre intentamos transmitir que o máis importante é a xente que sempre está connosco e iso foi o que vimos aí, persoas apoiándonos e dándoo todo cantando as cancións.

Claro, é moi bonito porque cando Astarot comezou, Carlos Gandón e Carlos Rodal, que son os membros orixinais que aínda quedan no grupo, tiñan 17 anos. Agora teñen 57 e moita xente da que nos segue ten a mesma idade. Séntense identificadas con esa evolución e tamén co que transmitimos porque o noso grupo está moi ligado á terra, á Galiza, e sobre todo a Cangas do Morrazo. En canto ás e aos artistas que colaboraron con nós, quixemos chamar persoas coas que xa tiñamos amizade, facer unha festa especial. Estaban moi felices de poder participar e foi moi emocionante subir ao escenario con xente do seu talle. 

Con Luar na lubre, por exemplo, coincidimos hai cinco anos nun festival e atopámonos no medio do público con Bieito Romero, descubrindo que era fan de Astarot sen nós sabelo. Temos unha amizade moi grande e xa temos colaborado en discos nosos ou seus. Tamén eu persoalmente son moi fan de Los suaves, Lucía Pérez e Raquel Pato sempre nos ofrecen a súa axuda para o que precisemos, estar tocando e ver no mesmo escenario ca ti xente coma Vituco Neira ou Xosé Luís Rivas 'Mini'... A verdade é que non teño palabras, foi algo espectacular. 

—Con este soño cumprido, cal é o seguinte?
Eu sempre fun moi seguidor da música rock e folk durante a miña infancia e desde aquela xa cría que ter a posibilidade de gravar un concerto en directo era o punto álxido dun grupo. Agora é algo máis accesíbel de facer se o comparamos cos anos 80, mais dá moito traballo porque ademais tamén corres o risco de que a xente non acompañe. 

No noso concerto de aniversario por fin puidemos gravar tanto o son como o vídeo e os días previos. E agora a idea vai ser publicalo en formato disco para que a xente que veu teña unha maneira de recordalo e para que a xente que non veu poida desfrutar dunha parte dese evento no seu fogar. Este sería o noso décimo traballo, que tamén me parece un fito para unha banda. Pretendemos lanzalo este ano, mais aínda non sabemos cando nin en que formato exactamente, e despois comezaremos a presentalo polo país para chegar ao máximo número de persoas posíbel.

Comentarios