Contracultura

Jorge Diz: "Cando xogamos unha partida e precisamos un material que non está en galego, traducímolo"

Jorge Diz é integrante e membro fundador das Irmandades do Dado, unha comunidade en liña de rol en galego que desenvolve as súas actividades na plataforma Discord. Diz fala do proceso de creación deste servidor que na súa conta de Twitter (@IrmandadesDado) definen así: “para neofalantes e paleofalantes, para novatas e veteranas do rol, pro LGBTQ+”.
As Irmandades do Dado nace da man de Jorge Diz (na imaxe), Lamia Escura, Mariola Juncal e Viriato Valdés. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As Irmandades do Dado nace da man de Jorge Diz (na imaxe), Lamia Escura, Mariola Juncal e Viriato Valdés. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a comunidade Irmandades do Dado?
Antes da pandemia, moitas persoas rexeitaban o rol en liña porque non era igual que xogar nunha mesa. Cando non se puido saír da casa, houbo unha explosión tremenda a nivel global. Comezaron a xurdir moitos servidores, algúns deles na Galiza, pero eran bilingües e non nos convencían moito. Así, en xaneiro de 2021 decidimos abrir as Irmandades, deixando clara a intención de fomentar a nosa lingua.

Nós mesmos nunca xogaramos en galego porque non existían estas oportunidades. Tampouco é que nós falemos en galego e quen veña que fale o que queira, porque a inercia de ter xogado sempre en español e que moitos materiais estean tamén nesa lingua lévache a empregalo. A norma é que hai que falar en galego. Tamén estamos producindo materiais e sacando proveito dos xogos que saen no Brasil. 

—Como funciona isto de producir os materiais?
É moi sinxelo comezar a falar en galego e aínda así tirar de termos en castelán, que non pasaría nada porque tamén é común empregalos en inglés, mais ao final é outro punto que tira de ti para mudar de lingua, algo que ocorre nas comunidades bilingües. Cando xogamos unha partida e precisamos un material que non está en galego, traducímolo e compartímolo coa comunidade; así, a seguinte persoa pode empregalo tamén. 

—Hai interese pola comunidade?
Como case todos os esforzos de facer comunidades en galego hoxe en día é unha carreira de fondo; asumimos que non imos ter ese éxito e que non ten sentido compararse con outras comunidades noutras linguas. Con todo, vemos que hai interese, que a xente vén ao servidor cando sabe da súa existencia. O reto é manter a actividade, porque se unha persoa que non é especialmente militante na cuestión do galego pasa polo servidor e ve que as comunidades en español teñen máis movemento vai acabar xogando alí. Ademais, ao ser en liña é moi sinxelo conectar con outras persoas: cando comezamos eu vivía en Madrid, e se cadra hai persoas vivindo na Galiza que non teñen amizades que falen galego ou que xoguen ao rol.

—“Para neofalantes e paleofalantes, para novatas e veteranas do rol, pro LGBTQ+”. Esta é a definición de Irmandades do Dado en Twitter.
Cando comecei a falar en galego decidín escoller unha área da miña vida para practicar até que me sentín cómodo. Con esta comunidade queremos deixar moi claro que a xente que busque un espazo para comezar a falar en galego pode facelo aquí. Evidentemente, tamén aceptamos calquera normativa.

Con respecto á experiencia no rol, esta é unha afección moi sinxela na que non se gaña nin se perde. Temos xente nova constantemente e pásano moi ben porque non hai que saber nada. O último punto é importante porque queremos crear un espazo seguro. Como en case todas as comunidades, hai unha pequena parte no mundo do rol que é tóxica, e nós quixemos trazar esta liña desde o comezo: non imos tolerar ningún tipo de discriminación.

—Cales son as actividades que realizades?
Durante o ano hai partidas: alguén vai xogar e pregunta quen se apunta. De vez en cando gústanos facer xornadas, onde hai máis afluencia de partidas e de persoas: en xaneiro, as Xornadas do Dado, para celebrar o aniversario do servidor; en maio, as Xornadas das Letras, nas que o ano pasado fomentamos especialmente a tradución de materiais como unha forma de homenaxear a Xela Arias; e agora en setembro, a Volta ás mesas. Tamén impartimos algúns obradoiros e, de forma presencial, participamos e colaboramos nos eventos físicos organizados por outras entidades, como a Asociación Draco da Coruña ou o servidor bilingüe Galicia rolera.

Comentarios