Contracultura

Jon Jost: "Interésanme as dinámicas que se dan nas familias porque din moito da sociedade"

Jon Jost (Chicago, 1943) é o autor de 'Casa do silencio', un filme que xira arredor da historia dunha familia galega emigrada a Venezuela e que presenta agora na Galiza da man de aCentral Folque e, nomeadamente, de Ramon Pinheiro.
Ramon Pinheiro e Jon Jost colaboran na creación da película. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ramon Pinheiro e Jon Jost colaboran na creación da película. (Foto: Nós Diario)

—Como deron coa historia que hai en Casa do silencio?
Jon Jost: Diego Salomon é un cineasta venezolano de ascendencia galega. Comezamos a falar hai tres ou catro anos a través de Facebook, cando comezou a interesarse sobre a miña maneira de facer as películas. Eu íalle contando o que podía e, hai un ano, comentoume a posibilidade de que visitara a súa casa familiar para inspirarme e quizais facer unha película. O seu avó vive en Madrid, mais teñen unha casa en Vila de Cruces. É un lugar verdadeiramente encantador. Comecei a facer fotografías e acabaron por contarme unha historia familiar moi interesante, mais cando remataron dixéronme que non podía contala. Xa teño feito outras películas sobre familias e historias que non se contan, así que comecei a traballar co que puiden. Filmei unha pequena parte de dez minutos e logo decidín que era interesante continuar a historia. Regresei a Santiago esta primavera e, como non coñecía a ninguén, unha amiga de Lisboa comentoume que quizais unha editorial da que ela sabía podería axudarme. Así entrei en contacto con aCentral Folque. Grazas a eles tamén puiden contar con actores, cantantes e poetas.

Ramon Pinheiro: A idea, desde o principio, era que a música conducira o filme, que esta servira para articular toda a historia. Entón, cando recibimos o primeiro correo no que nos explicou todo o proxecto e as ideas que tiña para rematalo e materializalo, tamén nos pedía asesoramento a respecto da música galega, que el descoñecía absolutamente. Cando veu a Santiago na primavera, tivemos un primeiro encontro e a verdade que nos gustou moito a idea que el traía e as cousas que nos contaba, así como a súa maneira de traballar. Precisamente, este interese por tecer alianzas locais foi o que nos acabou de convencer para sumarnos ao proxecto. 

—Por que ten tanto interese nas historias familiares?
J. J.: Penso que a dinámica que se dá en moitas familias di moito sobre a que se dá nas sociedades nas que habitan esas familias. Realmente, na maioría dos lugares aos que viaxo, as familias son unha especie de lugar sagrado e privado. Moitas veces, o que sucede nas familias non é o que se deixa saír en público. Hai cousas moi malas que suceden dentro deste ámbito e iso é o que me interesa. Algunhas culturas son máis privadas que outras, por suposto, mais a maioría manteñen os asuntos familiares dentro. O que pasa na casa non debe de saír. En Corea do Sur, por exemplo, non se invita as amizades á casa. Seúl está chea de vivendas de grande altura e con ventás por todas as partes, mais sempre están cubertas. É como vivir nunha planta 25 e poder desfrutar das vistas de toda a cidade, mais non o fan porque poñen cartón ou cortinas para que ninguén poida ver o que acontece dentro. Isto fai que me pregunte que clase de cousas pasan dentro das familias. Como digo, evidentemente, tamén depende das culturas, porque, por exemplo, non é o mesmo en lugares como México, ou, como, en xeral as familias hispanas. 

—Cal está sendo a acollida do filme tendo en conta que é unha historia galega contada desde unha ollada externa?
R. P.: A presentación foi na Filmoteca da Coruña, o 24 de novembro, cun público que era moi cinéfilo e que xa coñecía a obra de Jon. Pouco despois, tivemos outra proxección en Mazaricos, coa Asociación Cultural Abubela, e foi moi interesante ver o contraste, porque neste caso o público era a veciñanza do lugar. De feito, a maior parte eran mulleres xa xubiladas e sentíronse moi interpeladas polas temáticas que Jon trata neste filme: a emigración, os segredos que hai en cada casa, as historias que non contamos...

Celebraron moito a sensibilidade coa que estaban tratadas todas estas historias e, de feito, queren que se programe máis cinema, que Casa do silencio sirva como un punto de partida para unha programación habitual.

Comentarios