Contracultura

Iván Prado (Pallasos en Rebeldía): "Rafeef Ziadah é unha referente da poesía internacional e da solidariedade con Palestina"

Iván Prado (Lugo, 1974) é membro de Pallasos en Rebeldía, que organiza, xunto co Grupo de Traballo de Igualdade de Xénero da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, o recital da poeta palestina Rafeef Ziadah pasado mañá na cidade herculina. O evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Galiza por Palestina, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, BDS Galiza e Sugxpal.
Iván Prado leva Pallasos en Rebeldía polo mundo, incluíndo campamentos de refuxiadas (Foto: Pallasos en Rebeldía).
photo_camera Iván Prado leva Pallasos en Rebeldía polo mundo, incluíndo campamentos de refuxiadas. (Foto: Pallasos en Rebeldía).

—Como xurdiu esta iniciativa?
Esta é unha xira por distintos puntos do Estado que organiza a Rede Solidaria Contra a Ocupación de Palestina (Rescop). Nós formamos parte desta rede e hai xa tempo que seguimos Rafeef Ziadah. Coincidiu que estaban pedindo a nosa colaboración para Espal, un festival de solidariedade con América Latina e África que se leva a cabo nas Palmas de Gran Canaria, onde estará Ziadah.

Así xurdiu a posibilidade de traela, por primeira vez, á Galiza e para iso comezamos a contactar con distintos axentes até que atopamos esta complicidade da Universidade da Coruña. Precisabamos financiamento, que buscou a Universidade a través da Deputación, e un espazo que reunise as condicións técnicas axeitadas. 

—O espectáculo consta de poesía, mais tamén de música.
Exacto. A parte musical corre a cargo de Phil Monsour. Este é un espectáculo de poesía musicalizada que fan habitualmente en conxunto e que decidiron traer a esta xira. Ademais de nas Palmas e na Coruña, a poeta tamén estará en Madrid, Valencia e Barcelona. 

—Cales eran os obxectivos á hora de pór en marcha este recital?
Ziadah é unha referente da poesía internacional e obviamente do universo de solidariedade co pobo palestino. Queremos que este recital serva para difundir a causa palestina, denunciar o masacre e a barbarie que está sufrindo este pobo e reivindicar o dereito das refuxiadas palestinas a regresar á súa casa. Con todo, tamén pretendemos que sexa un evento emotivo, fermoso e cargado de poesía e de beleza.

Esta é a nosa forma de traballar: utilizar a arte, a ilusión e a alegría para reivindicar certas causas sociais. Podemos dicir que a Galiza é, historicamente, un pobo solidario con Palestina. Por iso, cada vez que facemos un evento, intentamos contar con Galiza por Palestina, que é a institución decana do noso país, e o BDS, que é un movemento internacional, mais que tamén ten o seu oco aquí. 

—Tamén é un recoñecemento a poesías que adoitan quedar fóra do ensino ou das redes de distribución habituais. 
Por suposto. Pallasos en Rebeldía nace, en primeiro lugar, en Palestina e, nun segundo momento, no movemento indíxena zapatista. Para nós é absolutamente imprescindíbel estabelecer unha conexión co mundo árabe e mais cos pobos orixinarios de América Latina, así como, evidentemente, con nacións que están en loita pola súa independencia, como é precisamente o caso do Sáhara ou de Palestina.

Para nós son os grandes referentes éticos, culturais e políticos. Iso unido ao feito de que nacemos na Galiza; que é unha nación sen Estado, que tamén reivindica un lugar no mundo e a defensa da súa propia lingua e cultura, así como a posibilidade de ter unha independencia propia; é fundamental este tecido entre resistencias e culturas alternativas ou, cando menos, fóra do sistema do global. 

A globalización mundial que sufrimos, que en realidade é un sistema global de terror, arrasa con todo. É unha marea negra cultural que invade calquera recuncho do planeta. E detrás da cultura sempre vén a globalización económica, política e comercial. Defender a diversidade cultural é defender o futuro da humanidade. 

Comentarios