Crítica de cinema e outras lerias

Wim Wenders continúa en horas baixas

inmersion1
photo_camera Un fotograma do filme

INMERSIÓN

Submergence

(Alemaña 2017, 112 min.)

Dirección: Wim Wenders

Guión: Erin Dignam

Fotografía: Benoît Debie

Música: Fernando Velázquez

Elenco: James McAvoy, Alicia Vikander, Alexander Siddig, Celyn Jones, Jannik Schümann, Reda Kateb, Jess Liaudin, Andrea Guasch, Alex Hafner

 

SINOPSE

James More é un espía británico que se fai pasar por enxeñeiro hidráulico para desmantelar unha célula terrorista en Somalia. Nada máis chegar é capturado pola jihad. Durante o cativerio aférrase á lembranza de Danielle, unha bióloga mariña coa que viviu un apaixonado romance uns meses atrás.

 

CRÍTICA

Wim Wenders foi un dos referentes indiscutíbeis da nova onda do cinema alemán e, por extensión, da cinematografía europea do último cuarto de século XX. Filmes coma Alicia nas cidades (ver Sermos nº 278), O amigo americano, París-Texas ou O ceo sobre Berlín están sempre entre as imprescindíbeis de calquera escolma cinéfila que se prece. A cousa cambia no que vai de século... Agora semella que se lle dá bastante mellor o xénero documental que a ficción. Agás Chamando ás portas do ceo, e un pouco grazas á presenza do gran Sam Shepard, que tamén firmaba o guión, as únicas obras destacábeis son, sobre todo, documentais: The Soul of a Man (producida por Martin Scorsese), Pina (Mellor documental nos Premios do Cinema Europeo) ou O sal da terra (Premio especial do xurado en Cannes) que dirixiu xunto o cineasta brasileiro Julio Ribeiro Salgado. Tería moito gusto en dicir que Inmersión é a excepción que confirma a regra, mais non...

 

Coprodución de Alemaña, Francia, España e os EUA que adapta a novela homónima de J.M. Ledgard cun reparto de luxo encabezado por dúas estrelas internacionais de Hollywood: a sueca Alicia Vikander (gañadora do Óscar a mellor actriz de reparto por A moza danesa) e o escocés James McAvoy (Expiación, Múltiple). Un valor de produción impagábel que aporta unha cota de espectadores máis aló das interesadas en comprobar se Wenders xa recuperou o pulso... que non son moitas.

 

Resulta curioso que os mesmos intérpretes que atraen o público de masas sexan tamén responsábeis, cando menos en parte, de estragar o conto. Certo que McAvoy esfórzase ao máximo por darlle credibilidade a súa personaxe de axente secreto escocés ao servizo da Súa Maxestade (non, non é James Bond pero case...). Percíbese un notábel cambio físico na parte na que cae en mans das faccións fundamentalistas islámicas, mais semella moi perdidiño nas escenas que comparte coa súa parella en pantalla, unha Alicia Vikander que debe ter xa no corpo a maldición de ter gañado un Óscar pois non levanta cabeza desde entón e apenas conta aquí cun par de escenas nas que desprende algo de credibilidade.

 

En fin, Vikander interpreta Danielle, unha bióloga mariña que estuda o fondo Hadial dos océanos a fin de lanzar luz a unha nova teoría sobre a orixe da evolución. Antes de se embarcaren a bordo do buque oceanográfico “L’Atalante”, inicia unha apaixonada historia de amor con James More, un enxeñeiro hidráulico (espía en realidade) que vai partir a Somalia para montar pozos de auga. Antes da inevitábel separación, prometen que a paréntese non embazará o que apenas acabaron de empezar.

 

Contar coa participación real dun dos máis famosos buques oceanográficos do planeta non foi mera coincidencia. Chiscadela cinéfila, e non só nominativa, ao único longametraxe feito por Jean Vigo titulado L’Atalante. Naquel filme de 1934 se afondaba na saudade duns amantes que, ante as circunstancias, acaban por crer que que “baixo a auga poden conectar coa persoa amada” por lonxe que estea. En Inmersión tamén conectan a través da auga, pero aquí a cousa é máis un nexo que une os amantes e que, ao mesmo tempo, fai que se separen.

 

En Inmersión pasan moitas cousas, quizais demasiadas... Unha deriva que descoida partes que prometían moito por outras menos interesantes facendo que saiamos do filme constantemente. En lugar de se centraren no romance, e posterior desesperación, dos namorados (por certo, a mellor parte), a historia cae no panfleto antiterrorista máis obvio apuntalado ademais por un parrafeo mariño insufríbel que durme até os peixes. Mais todo isto quedaría inmediatamente perdoado se simplemente arriscara cun final menos “americanizado” por outro máis existencialista na que se cumprira a máxima do filme de Jean Vigo. Hai bastantes indicios durante a metraxe que apuntan a que Wenders estivo a piques de optar por un desenlace máis acorde ao seu talento pero, ou non quixo... ou non lle deixaron. Mágoa.

 

 

Comentarios