Ana Moreiras: "Para ilustrar a historia adéntrome no personaxe, imaxino as súas actitudes, reaccións e xestos"

Ana Moreiras é profesora de secundaria e escritora de novelas gráficas. Após a súa primeira obra, Madialeva (Aira), publicou en novembro Xaora (Aira), que presentou esta semana en Compostela. Nela, trata un momento en que Virxinia, a protagonista, se atopa perdida. As súas dores físicas e mais as cicatrices emocionais tráena sen azos, buscando respostas para as grandes preguntas ás que se quere enfrontar como adulta. A visita da pantasma da súa avoa, vitalista, descarada, feliz por recuperar o vizo da mocidade, vai axudala a comprender que é o realmente valioso e auténtico.
 
A escritora e ilustradora Ana Moreiras (Foto: Sara Pardo).
photo_camera A escritora e ilustradora Ana Moreiras (Foto: Sara Pardo).

—Virxinia recibe a visita da pantasma da súa avoa falecida, a que se debe este reencontro?
Dicir isto sen desvelar a trama é complicado, xa custou decidir que pór na sinopse. A visita débese a que Cristina está nunha crise existencial, propia dos 30 anos e dese momento da madurez. A crise á que chega a protagonista vén dada porque se frustran as súas expectativas sobre a vida que esperaba ter e a que ten realmente, esta situación é algo moi universal. 

Cando estás nese momento vital que tanto ansiabas, e incluso se conseguiches chegar a onde querías, resulta que ao final non é o que esperabas. Entón necesita axuda e ver as cousas desde outra perspectiva, de aí a visita da súa avoa.

—O libro ten algún trazo autobiográfico? Sénteste identificada con Virxinia?
Francamente non. Sei que o vai parecer bastante, porque hai localizacións que son familiares miñas, pero realmente é porque necesito inspirarme no que vexo e no que escoito. Pero todo isto logo leva unha volta moi grande. Si que hai esa crise e o entorno desa protagonista, que son cousas que escoito.
Para esta persoa é moi frustrante que no seu traballo -é unha xornalista que traballa para nun medio de comunicación público- non consiga ser o que o código deontolóxico de xornalista lle demanda. Entón atopa esta realidade na que as súas posibilidades están limitadas, e eu pregúntome, cantas veces ocorre isto? 

Porén, biográfico unicamente é o feito de que esta protagonista está 'de terapia en terapia'. Houbo unha tempada en que por dores físicas fun a varias. Pareceume un mundo moi divertido porque toda a xente tiña outra terapia que propoñerte. Ao final non profundei moito nesa faceta da historia, aínda que en parte naceu por isto.

—A perda dos avós é algo moi duro, cres que a xente de todas as idades pode conectar con esta dor?  
Humildemente creo que si, porque todos sentimos esa perda dun referente que nos dá tanto cariño pero ten menos autoridade que os nosos pais. 
Resulta unha ancoraxe máis emocional coa vida. Por outra parte, é verdade que desde que empecei a escribir o libro atopei un montón de historias sobre avoas e avós, vin que se trataba dun tema universal e nunca reflexionara sobre isto até que me puxen a facelo.

—Non hai un mes do lanzamento de Xaora, que acollida está a ter?
Hai moi pouquiño que saíu, hai 15 días que está nas librarías. Estou expectante e nerviosa con respecto a esa acollida. Sei que foi recomendado en libraría Trama. O que espero é ter moita xente nas presentacións, por unha parte polas persoas que presentan comigo, que son xente querida, e por moita xente que me acompañou no proceso.

Non podo anticipar se terá impacto pero gustaríame que si. A cuestión será como en Madialeva, na medida en que guste e se comente dunhas persoas a outras, será como poida alcanzar certo impacto.

—É a súa segunda novela gráfica, como é o proceso de realizar as ilustracións?
Durante ese proceso adéntrome na pel da protagonista, non porque sexa biográfico, senón como faría un autor co seu papel nunha obra de teatro. Unha vez que me meto nesa personaxe vou imaxinando como serían a súas actitudes, reaccións, os seus xestos. 

Despois simplemente coloco todo isto nun escenario, é como dicía antes estes escenarios si que os collo da vida real porque me resulta máis doado. E así é como vou trasladando todo a debuxo.

Comentarios