Iago Gordillo: "Hai prexuízos contra os videoxogos e pénsase que non se trata dun produto cultural"

A canle de YouTube Recuncho Gamer trata os videoxogos en chave galega.
Iago Gordillo coa súa gran paixón as consolas de videoxogos. (Foto: Iago Gordillo)
photo_camera Iago Gordillo coa súa gran paixón as consolas de videoxogos. (Foto: Iago Gordillo)
Iago Gordillo creou hai uns meses unha canle en galego na plataforma YouTube co nome de Recuncho Gamer dedicada a falar de videoxogos cunha visión desenfadada. O confinamento pola pandemia da Covid-19 recuperou esta actividade en moitos fogares, máis alá da práctica en certas idades. Desde a súa xanela dixital analiza os diferentes aspectos que fan dos videoxogos toda unha industria cultural, que conta con presenza tamén na Galiza.

Avante Pouca

Como nace a súa canle de YouTube Recuncho Gamer?

Un pouco polo confinamento que tivemos en marzo do ano pasado. Houbo xente que se puxo a facer galletas, outros podcasts e a min deume por probar algo de contido audiovisual. Naquel momento estaba a facelo en castelán pero parei en agosto e pensei en seguir sobre os videoxogos mais en galego. Hai pouco contido desta temática en galego na plataforma de YouTube e lanceime. A finais de outubro comecei, sempre cun toque divulgativo, para as persoas que non estean familiarizadas coas consolas e, ao mesmo tempo, para entreter.  

Imaxino que xa lle gustaban os videoxogos antes, non?

Creo que desde os Reis de 1992 sempre tiven unha consola perto. Xoguei bastante e, como produto cultural, creo que me influíu. Co confinamento, como moita xente, permitiume desconectar.

Avante Media 

Como ve a evolución dos videoxogos desde que comezou a xogar con eles?

Un pouco como acontece coa historia do cine. Primeiro foron sen cor e mudos para despois meterlle son. A nivel audiovisual, os videoxogos tiveron unha mudanza moi grande. Aínda así, nas mecánicas e no esqueleto básico, a esencia é a mesma. Agora teñen moitas máis ferramentas para contar historias. O Super Mario, que era algo elemental cunha princesa e un castelo, agora son verdadeiras películas ou series. O que máis evolucionou é como se contan as historias.

Como está de saúde o videoxogo galego? 

É complicado. Na Galiza hai moita canteira para sacar produtos. Non só con Gato Studio e The Waylanders, que está en fase de probas abertas. Hai compañías pequenas que sacaron cousas interesantes como é o caso de Baroque Decay, que ten un videoxogo moi suxestivo que se chama Yuppie Pshycho. Penso que hai futuro mais necesita axuda.

De que maneira analiza os videoxogos que saca na súa canle?

A parte boa de seren na actualidade só dúas canles con contidos en galego sobre videoxogos, Galicia Games e nós, é que podemos probar case de todo. Ás veces falamos dos mandos e entre os últimos vídeos sacamos algo do Xabarín Club. Gústanos relacionar os contidos coa Galiza. É unha maneira de achegar xente doutros ámbitos. Facemos análise da parte gráfica, da música, como conta a historia... 

Avante Toda

Non se cre neste sector cando é un dos que máis factura a nivel mundial?

A nivel audiovisual é a industria que máis xera. Non só polo propio videoxogo, tamén polas retransmisións deportivas que crean como eventos. Non hai que deixar de lado esta oportunidade que temos de apoiar a nosa industria do videoxogo.

Fala de que é un produto cultural mais ten algo de mala prensa nalgúns sectores. Que lles diría?

É certo que hai persoas que teñen prexuízos contra os videoxogos, e pensan que non é un produto cultural... que son cousas de crianzas ou mesmo un xoguete. Non é así. Só hai que botar unha ollada á xente que participa na creación dun videoxogo. Son os mesmos equipos que traballan nunha película. Nas empresas que os realizan hai departamentos de arte, de música, de deseño de escenarios... onde participan mesmo especialistas en arquitectura, sen contar cos programadores que implementan a actividade. Nos videoxogos participan artistas de distintos ámbitos. Podemos discutir se teñen un maior ou menor valor artístico mais é o mesmo que acontece en toda arte.

Comentarios