Cultura

Un videoxogo da Galiza celta e medieval

Este verán vai ver a luz o adianto de The Waylanders, un videoxogo de rol da compañía coruñesa Gato Studio. O universo máxico de Kaltia leva á pantalla as paisaxes e a mitoloxía da Galiza celta e medieval, nun exercicio innovador de proxección da nosa cultura cara ao mundo a través dunha industria de peso crecente. 
Unha das paisaxes celtas de Kaltia, inspirada na Galiza.
photo_camera Unha das paisaxes celtas de Kaltia, inspirada na Galiza.

Poucas veces se pode dar unha nova tan potente para o sector dos videoxogos na Galiza como a que vai supor o lanzamento  de The Waylanders, que estreará o seu acceso anticipado este verán. Creación da compañía coruñesa Gato Studio, trátase dun xogo de rol (RPG) que presenta a historia dun aventureiro que, após un encontro entre os celtas e os seus deuses, adquire a capacidade de viaxar no tempo. Tramas políticas nun universo máxico que destaca, porén, polo seu apego á realidade, pois moitas das paisaxes, así como as referencias mitolóxicas da trama, teñen a base na Galiza.

"Non é unha reprodución rigorosa, senón un universo de fantasía no que eses elementos se fusionan con outros", explica Prieto

A inspiración empresarial de Gato Studio, segundo conta Fernando Prieto, un dos seus socios, é CD Projekt RED, compañía polaca que deu o golpe co popular videoxogo The Witcher, recentemente levado á ficción seriada da man de Netflix nun intento de aproveitar a fame de fantasía medieval deixada co fin de Game of Thrones. Esta empresa triunfou coa adaptación da saga de novelas do seu compatriota Andrzej Sapkowski, que introduce o periplo do bruxo Geralt de Rivia nas raíces da mitoloxía polaca. De maneira análoga, os galegos Gato Studio optaron por adaptar a cultura máxica e mítica da nosa terra. "Non é unha reprodución rigorosa, senón un universo de fantasía no que eses elementos se fusionan con outros", explica Prieto desde Florida.

O propio cara ao mundo

"Queriamos aproveitar a riqueza cultural do mundo celta", comenta o socio de Gato Studio. O Libro das Invasións foi unha das súas principais fontes de inspiración. Esta publicación, exposta na mostra Galicia, un relato no mundo (Compostela), comisariada por Manuel Gago, narra a construción nacional irlandesa como o sumatorio de distintas invasións até o século XI.

amergin_web-1024x576

O conxunto de manuscritos vencella o noso país con Irlanda. Gaedel Glas e Scotta, filla do faraón de Exipto, emprenden un éxodo que os leva a Hispania, onde un dos seus descendentes, Breogán, funda a cidade de Brigantium e constrúe a Torre de Hércules, desde a que o seu fillo Ith pode ver Irlanda, illa que un día conquistarán descendentes de Breogán para estabeleceren alí o seu reino. “Era unha historia nosa, pero contada desde fóra, que nos ofrecía un punto de partida moi interesante a nivel internacional”, argumenta Prieto.

Brigantia_001_007_Horn

Desde Gato Studio consideran que The Waylanders achega unha “historia fresca” con esa raíz celta, pois se ben a estética medieval é "moi tratada nos videoxogos", non o son tanto esoutras etapas anteriores como a que eles propoñen, cuns referentes identitarios tan concretos que ligan Galiza co mundo.

aa-2

Con todo, a través da capacidade do protagonista para viaxar no tempo, The Waylanders conecta tamén coa Idade Media e o referente máis icónico galego, a catedral de Santiago, co camiño como símbolo de conexión con Europa.

Medulae_006_001_Market

A aventura comeza na rexión celta de Kaltia, baseada na xeografía galega, un reino no que se cruzan relixións e culturas, razas mortais e inmortais, licántropos, druídas e monstros. Sucédense territorios que nos resultarán familiares, desde a capital, Brigantia, en claro correlato coruñés, até a vila de Dumbriga (Dumbría) coas paisaxes da fervenza do Ézaro, pasando polas minas do monte Medhu (as Médulas) ou, xa na etapa medieval, a icónica Compostela. 

aa

Un sector prometedor

The Waylanders é mostra do gran crecemento que a compañía galega experimentou nos últimos anos. "Tiñamos que medrar para sobrevivir", indica Prieto, “era preciso competir a nivel internacional”. A súa empresa pasou das oito traballadoras a integrar unha equipa que se move entre varios países. Así, combinan o mellor do guión a nivel internacional -Emily Grace Buck (The Walking Dead, Batman: The Enemy Within), Chris Avellone (saga Fallout, Star Wars: Jedi Fallen Order) e Mike Laidlaw (sagas Dragon Age e Mass Effect)- con capital mozo galego, "formado nas nosas universidades" e que se especializou con eles.

"O videoxogo é un sector que pode achegar moito. Oxalá ter a medio prazo o que a animación foi en tempos, totalmente pioneira", conclúe esperanzado Prieto

Optaron por un xogo de rol, unha variedade máis barata de producir que os shooters, por exemplo, coa que pequenas empresas independentes están acadando éxito. Contan con que arredor do 95% das vendas se produzan fóra, cun importante peso dos Estados Unidos de América (45%), Alemaña (12-14%) ou Rusia (10%). Cren firmemente, e así o demostran co seu traballo, que "se se fan ben as cousas, pódese ter proxección no exterior". Algo que queren amosar ás Administracións “para que se dean conta de que o videoxogo é un nicho para medrar, especialmente importante no emprego da mocidade”. Neste senso, Prieto observa con esperanza a recente aparición do Grao Creación Dixital e Videoxogos da Universidade da Coruña. "É un sector que pode achegar moito. Oxalá ter a medio prazo o que a animación foi en tempos", conclúe.

Imaxes do universo de 'The Waylanders'.

Comentarios