"Necesitamos contar con máis referencias de videoxogos en galego"

Inés Mirás inclúe referencias á música tradicional galega nos seus traballos
Inés Mirás é coñecida nas redes sociais como @sinesita. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Inés Mirás é coñecida nas redes sociais como @sinesita. (Foto: Nós Diario)

Inés Mirás, especializada na composición de música para videoxogos, estrea, en menos dun mes, o seu último traballo para o xogo Sword of the Necromancer, no que se poderán escoitar referencias á música tradicional galega, entre outras. Mirás conta que sempre intenta incluír nas súas composicións pinceladas da nosa música popular pois, para ela, é un modo de impulsar a cultura galega. Como a propia Mirás di, “é unha forma de transmitir quen son”.  

Avante Pouca

Como comeza a facer bandas sonoras para videoxogos?
Sempre me gustou moito o tema de compor, principalmente en relación á música para imaxe. Cando comecei, o meu obxectivo era crear composicións para cine, pero a situación é moi complicada neste ámbito: falta de oportunidades, enorme competitividade, precariedade etc., polo que cambiei de mentalidade e decidín coller experiencia no mundo dos videoxogos, que tamén me gustaron moito desde sempre. Tiven moita sorte, pois o meu caso foi de acción e reacción. Xusto entrei no mundo laboral nada máis rematar os meus estudos. A miña formación consistiu en lograr o grao profesional de música clásica no Conservatorio de Compostela, e un ano en Barcelona de especialización en composición de bandas sonoras para videoxogos. Nese período en Barcelona aprendín a maior parte dos coñecementos que aplico hoxe en día no meu traballo. 
Estou moi contenta porque vexo que é un mercado con futuro. Penso que hai moita demanda. En comparación coas experiencias que tiven ao buscar traballo de composición para produtos audiovisuais, as condicións no mercado dos videoxogos son moito menos precarias. Isto débese á necesidade que existe de contratar persoas que compoñan, pois a música para videoxogos é moito máis personalizada e específica, polo que non se pode traballar unicamente con librarías de cancións.

Avante Media 

En que consiste o proceso de traballo?
Cando compoño por encargo o que acostumo facer é pedir moitas referencias ao estudo. Cantas máis referencias teña, mellor: o guión, borradores dos personaxes, ambientes etc. Unha vez que teño toda esta información, póñome mans á obra. Polo xeral, cada tres días debo enviar os bosquexos que vou tendo para que, desde o estudo, me confirmen se as miñas decisións son acertadas ou se, pola contra, estaban pensando noutras melodías. En relación á metodoloxía de traballo, emprego maioritariamente o teclado. Os estudos de música para videoxogos non adoitan contar con moitos orzamentos, polo que non podemos gravar grandes agrupacións como unha sinfónica. A parte positiva é que hoxe podemos atopar esa sinfónica no noso ordenador grazas á tecnoloxía, mediante instrumentos virtuais. Principalmente traballo deste modo, pero ás veces tamén gravo fragmentos específicos coa guitarra eléctrica.

Avante Toda

Fixo moitas bandas sonoras para diferentes proxectos, cal destacaría?  
Xustamente a que se vai estrear nun mes. É a banda sonora do videoxogo Sword of the Necromancer. Son 33 temas con estética céltica medieval, nos que hai referencias que converxen co rock, pop, metal e demais xéneros. O interesante é que tamén hai pinceladas explícitas de música tradicional galega. De feito, se se pon ben a orella, podemos escoitar a Palmira ou demais temas populares. A posibilidde de engadir isto foi idea miña, e a todo o equipo lle encantou. Ademais, cando lanzamos a campaña para o financiamento do xogo, tivemos tan bo resultado que decidimos destinar unha parte dos cartos a gravar instrumentos de percusión popular galega. Fíxome moita ilusión.

Pensa que é importante fomentar o uso do galego neste ámbito?
Si, sen dúbida. Penso que axuda moito á súa normalización. Eu noto que dentro do mundo dos videoxogos existe un baleiro xigante en canto a contidos na nosa lingua. Os videoxogos que presentan a opción de galego coido que se poden contar cos dedos dunha man. Para min, incluír referencias á música tradicional galega nos meus traballos é un modo máis de romper coas dinámicas estabelecidas. Necesitamos ter máis exemplos de videoxogos en galego.

Comentarios