Homenaxe a Leopoldo Nóvoa catro meses despois da súa morte

Catro meses despois da súa morte en París, o próximo mércores día 20 terá lugar no Museo do Pobo Galego, en Compostela, unha homenaxe ao grande creador Leopoldo Nóvoa.

O Museo do Pobo Galego, a Fundación do Pedrón de Ouro e a Galería SCQ participan na organización nesta homenaxe a Leopoldo Nóvoa na súa terra, despois do seu falecemento en Paría en febreiro deste ano. O acto terá lugar ás 20 horas e nel intervirán Xosé Ramón Fandiño, Adolfo Sobrino, Xulio Valcárcel, José Carlos Valle, Xavier Seoane e Mercedes Rozas e soará a guitarra de Xosé Guzman.

Natural de Pontevedra onde naceu en 1919, Leopoldo Nóvoa foi un dos máis destacados artistas do século XX que atravesou, desde os seus inicios apegado ao constructivismo de Torres García ate a súa última época, dunha pintura matérica abstracta e poética. No medio, grandes murais e monumentos en espazos públicos como o recoñecido mural do Parque de Santa María na Coruña ou mesmo o cromlech que se atopa no Parque de Bonaval, ao pé de onde o mércores se lle renderá homenaxe.

Leopoldo Nóvoa pasou os seus últimos anos a cabalo entre París e Armenteira, onde tiña unha casa cun amplo estudo no que traballaba nas súas estadías galegas. Emigrante e exiliado, Leopoldo Nóvoa tiña tras de si unha épica e extraordinaria biografía con episodios compartidos con Seoane ou Cortázar e grandes rupturas como as das viaxes que o levaron dun país a outro ou mesmo a desaparición do seu estudo tras un incendio, o que el narraba como un partir de cero, un nacer de novo.

Comentarios