Un coleccionábel repasa 16 naufraxios que marcaron a costa da Galiza

A historia marítima baixo as augas galegas sairá á luz en febreiro con 'Nós Diario'

A terza feira de 1 de febreiro arranca un novo coleccionábel de Nós Diario. Nesta ocasión a publicación percorre algúns dos naufraxios máis significados da nosa historia marítima da man dun dos máximos expertos na materia, Fernando Patricio Cortizo. A investigación titulada A historia marítima baixo as nosas augas recolle en 16 entregas algúns dos feitos que teñen marcado a lume as relacións das galegas e dos galegos co mar.

Ave del Mar, no porto de Moaña. Foto Llanos.
photo_camera Familiares dos mariñeiros mortos no naufraxio Ave del Mar agardando por noticias dos familiares no porto de Moaña.(Foto Llanos).

O 10 de novembro de 1956 afundíase nas proximidades das Illas Cíes o pesqueiro Ave del Mar. A embarcación con base no porto de Moaña levaba a bordo 26 mariñeiros, mortos na súa totalidade a consecuencia do naufraxio. Ao drama persoal das familias e amigos das vítimas sumouse a desgraza económica para as parellas e os fillos dos mariñeiros, a maioría dos cales tiveron que abandonar o Morrazo sendo aloxados en orfanatos de todo o Estado.

“Aínda na década dos 50 do século pasado, as condicións a bordo destes pesqueiros de casco de madeira, abertos e con motores de pouca cabalaxe, seguían a ser durísimas, pois necesitaban dunha tripulación moi numerosa para poder, principalmente, largar e izar o aparello”, sinala a Nós Diario Fernando Patricio, que lembra as dificultades destas embarcacións que rara vez superaban os 13 ou 14 metros de eslora.

Serpent

O 10 de novembro 1890 naufragaba na Punta do Boi (Camariñas) o cruceiro torpedeiro de terceira clase HMS Serpent. “A perda deste buque da Royal Navy, a fatídica noite do 10 de novembro do 1890 na Punta do Boi, constitúe unha das traxedias marítimas por excelencia na costa galega, a pesar de térense producido naufraxios con maior número de vítimas”, destaca Fernando Patricio.

“Tres superviventes dun total de 175 tripulantes, un atacador de canón, un anaco dunha roda de leme e un anaco do seu mascarón de proa, foron as únicas testemuñas vivas e materiais, respectivamente, que volveron a Inglaterra dar conta desta epopea marítima que deixaría para sempre no lugar do Porto do Trigo (Camariñas), un cemiterio de náufragos ingleses nun lugar afastado, salvaxe e fermoso coma poucos no mundo, como é a enseada de Trece (Camariñas)”, conclúe Patricio.

A historia do Ave del Mar ou HMS Serpent son só dous exemplos dos naufraxios acontecidos na Galiza que van ser explicados no coleccionábel de Nós Diario. “Entre os naufraxios que descubriremos estarán o da fragata española Santa María Magdalena, a maior traxedia marítima acontecida na historia da Galiza, o do acoirazado HMS Captain, a maior traxedia marítima da Royal Navy acontecida en tempos de paz, os dos transatlánticos Santa Isabel e Salier, símbolos da emigración europea, cos seus respectivos dramas humanos ou o do buque mercante mixto City of Agra co seu estoupido cultural en Camelle (Camariñas), afirma Patricio Cortizo.

"A Galiza non é o país do mundo como máis naufraxios ”, comenta o investigador, que significa que “temos nos nosos fondos mariños pecios de todas as épocas produto da relevancia que tivo o noso mar como fonte de recursos e como ruta de navegación, pois fronte ao litoral galego pasou a meirande  ruta marítima”

Unha historia por divulgar e restaurar

Fernando Patricio Cortizo (A Coruña, 1972) é un dos investigadores de referencia sobre a historia naval galega. Así, en relación cos naufraxios, é autor dunha ampla bibliografía, onde destacan Historia da costa galega e dos seus naufraxios S. I- S.XIX e Historia da Costa galega e os seus naufraxios S.XX.

O coleccionábel elaborado por Cortizo para Nós Diario responde, en palabras do autor, “a divulgar a historia marítima e recuperar a memoria dos nosos pecios” pero, tamén, a lembrar e homenaxear “os mariñeiros, moi esquecidos nas historias de naufraxios pero para min auténticos heroes que deron de comer ao país e cuxo tributo, nalgúns casos, foi a morte”.

A publicación vaise  repartir ao longo do  mes de febreiro de  terzas a sextas feiras co exemplar de Nós Diario.

Comentarios