'A historia da Galicia pequeniña', un libro para coñecer o país dunha forma didáctica

Aira Editorial publica a nova obra de Jorge Campos e César Cequeliños
Unha das ilustracións sobre a Revolta Irmandiña que se pode observar no interior do libro 'A historia da Galicia pequeniña' (Foto: Editorial Aira).
photo_camera Unha das ilustracións sobre a Revolta Irmandiña que se pode observar no interior do libro 'A historia da Galicia pequeniña' (Foto: Editorial Aira).

"O pasado do país como nunca cho contaron", así definen desde a Editorial Aira a obra Historia da Galicia pequeniña, de Jorge Campos e César Cequeliños, en que, a través de mapas, obxectos, acontecementos e personaxes, as lectoras e lectores poden aprender sobre a historia da Galiza dunha maneira didáctica. 

Os autores abordan todo o pasado do país até a actualidade, desde antes dos seres humanos até os últimos xogos olímpicos pasando polo Reino da Galiza. As ilustracións desempeñan un papel fundamental na obra, algo que axuda na lectura do libro facéndoa "máis amena e agradábel" para a rapazada.

En conversa con Nós Diario, Jorge Campos -quen se encargou das ilustracións da obra- aborda o proceso de elaboración de A historia da Galicia Pequeniña. "Fomos facendo o libro entre César Cequeliños e eu. César encargouse máis da parte de investigación e íame enviando un guión que eu ía seguindo para realizar as ilustracións", sinala. "Foron varios meses de traballo moi laborioso, no fondo todas as ilustracións teñen por detrás un proceso de selección de información e tamén a nivel gráfico hai moito traballo detrás do proxecto".

A obra ten uns obxectivos que foron os que guiaron o proceso de creación. A este respecto, Campos manifesta que "queriamos manter unha liña de libro informativo pensado, sobre todo, para nenas e nenos, con información bastante dosificada para que despois sexan as propias crianzas as que investiguen pola súa conta", polo que o libro pode utilizarse como "un complemento para o profesorado que axuda a que as rapazas e rapaces busquen pola súa conta a partir de pequenas doses de cada parte da historia do país".

A continuación do 'Atlas da Galicia pequeniña'

Tamén en declaracións a Nós Diario, o outro autor da obra, César Cequeliños, relata que "esta é unha continuación do Atlas da Galicia pequeniña, polo que moitos dos procesos e filosofías de elaboración collémolas dese libro", algo que explica que se trate dunha obra moi visual que "é como un convite a que se afonde máis en profundidade nos conceptos que máis interesen ás lectoras e lectores". "Digamos que A historia da Galicia pequeniña é como un portal de entrada ao mundo infinito que hoxe está na rede", salienta Cequeliños. 

Algo en que tanto Cequeliños como Campos fixeron moito fincapé é en que no libro houbese un equilibrio entre todas as épocas, algo que Cequeliños explica dicindo que "cando se fala do país, ás veces hai etapas que parece que teñen máis interese por certos acontecementos. Nós tentamos rachar con iso, elaboramos a obra coa idea de que tivesen o mesmo peso a prehistoria que a idade moderna e que a idade contemporánea, por exemplo". 

Outra das intencións que desde a editora Aira tiñan en mente ao elaborar o libro era "tentar facelo o máis paritario posíbel", segundo Cequeliños. Isto foi un labor moi difícil por causa de que "non contabamos con testemuños e fontes de tantas mulleres como nos gustaría". Con todo, grazas á investigación, "rescatamos nomes de mulleres moi interesantes que case ninguén coñecía". 

Animais míticos do Camiño verán a luz da man de Aira

En Aira Editorial "estamos a traballar moito para poder publicar múltiples obras no futuro próximo", sinala a Nós Diario o xornalista e director da editora, César Lorenzo. "Imos publicar un libro da autoría de Jorge Campos e mais de César Cequeliños que se titula Animais míticos do Camiño de Santiago e no cal poderán verse estampas de animais mitolóxicos como a hidra ou a serea, que están moi presentes no Camiño de Santiago", informa Lorenzo.

Outros libros que desde Aira Editorial tamén teñen a previsión de publicar son dúas obras de ficción: un conxunto de relatos de Ramón Caride baixo o título Nada do outro mundo e un libro que ten tres relatos curtos mais que entre os tres conforman unha especie de novela que se titula Agora que cala a noite, da autoría de Elba Pedrosa.

Comentarios