Poesía, banda deseñada e clásicos, nas novidades editoriais de Aira

A editorial de Allariz achega as novidades que pon á venda este verán e no comezo do outono mais entre elas tamén hai unha reedición, a de O paso do Noroeste, de Xavier Queipo, nos 25 anos da súa primeira edición.
1200px-Lorenaconde
photo_camera A poeta Lorena Conde. (Foto: Nós Diario)

A editorial Aira vén de presentar as súas novidades de verán e outono, que abranguen xéneros como a banda deseñada, a novela de misterio, a poesía ou a literatura infantil.

A colección de cómic infantil “Carriandola” suma dous novos títulos, Gazafellos, de Fon, e O destino de Kameko, de Abel Alves e Jorge Campos.

O primeiro é unha banda deseñada para lectorado de máis de oito anos protagonizada por Mauro e Tiago, que atopan “o gazafello máis fedello do mundo, Fede”.

E en O destino de Kameko, Abel Alves e Jorge Campos crean unha novela gráfica para persoas de máis de 10 anos, onde a través de dúas protagonistas, recrean o Xapón de ninjas e samurais.

O destino de Kameko non é a única novidade ilustrada por Jorge Campos, que xunto a César Cequeliños asina o primeiro título da colección “Un día de festa en...” co libro ilustrado Un día de festa en... Allariz

En feminino chegan a novela de María Oruña traducida ao galego, O que a marea esconde, e o Premio de Poesía Cidade de Ourense de 2020, As puntas da louza, de Lorena Conde, na colección “Fina Rei” de poesía de mulleres. 

Reboiras, o camiño da rebeldía é o título do libro que Aira presentará o 25 de xullo. Escrito por Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez, o texto percorre a vida do dirixente nacionalista asasinado pola policía franquista en agosto de1975.

Aira continúa o camiño iniciado en 2020 coa meta de rescatar “obras mestras da literatura galega que ficaron esquecidas ou descatalogadas” e chégalle a quenda a O paso do Noroeste de Xavier Queipo, no seu 25 aniversario.

E de cara ao outono chegan O xardín secreto, de Frances Hodgson, traducido por Carlos Freire; e en “Clásicos ilustrados”, Miguel Robledo pon os seus pinceis ao servizo de Heidi, de Johanna Spyri.

Comentarios