xoves 20.02.2020
Entrevistamos Guadi Galego

«Teño moito amor e respecto polas linguas e os pobos, por grandes ou pequenos que sexan»

Após recibir o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado por Inmersión, Guadi Galego conversa con Sermos Galiza sobre este proxecto coral.

Guadi Galego nun concerto (Cedida)
Guadi Galego nun concerto (Cedida)

Guadi Galego asina en Imnersion un traballo coral que revisa o seu cancioneiro, reinterpretando temas propios en sete linguas que á cantante lle son afíns: Galego, Astur, Euskera, Catalán, Portugués, Occitano-Aranés e español. Mergúllanse con ela, axudándolle a construír o seu universo íntimo, artistas como Álex Ínsua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Iván Ferreiro, Silvia Quesada, Alidé Sans, Lisandro Aristimuño, Mikel Urdangarín, Andrés Suárez, Ana Bacalhau, Sisters In The House e Xabier Díaz. Os gobernos de Galiza, Euskadi, Nafarroa, Catalunya, Valencia e Balears veñen de lle outorgar a este traballo o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado.

De onde vén o nome de Immersion que abandeira o seu novo disco?

É unha especie de xogo lingüístico, pois tamén é «immersion» en inglés, na lingua máis globalizada do mundo, e o disco está cheo de linguas, certo que algunhas moi maioritarias, como o portugués ou o español, mais outras son pequenas. Entón procede da idea de mergullarse nese xogo da globalización, poñendo as pequenas linguas á altura das grandes. Inmersión é un momento de catarse, de intentar revivir cousas que estaban aí dentro das músicas e que me apetecía tratar doutro xeito. Eu que teño este espírito coral, sentinme moi reconfortada no disco.

O meu obxectivo era pór as linguas que me son afíns culturalmente, tamén por achegamento territorial, á altura dos afectos

O uso destas sete linguas ten, xa que logo, tivo moita importancia na propia concepción do traballo. A que se debeu esta aposta polo plurilingüismo?

O meu obxectivo era pór as linguas que me son afíns culturalmente, tamén por achegamento territorial, á altura dos afectos. Porque para unha persoa que fala aranés, galego ou astur, ten que ser igual de importante a comunicación na lingua na que canta ou na que se expresa. Pensei en como me gustaría que as miñas fillas escoitasen nas miñas cancións as linguas de todos eses artistas aos que admiro ou deses territorios que me son afíns. Foi un experimento que tiña moito a ver cos afectos e coa admiración que sinto por eses artistas e polas culturas que son tamén parte de min, como o portugués, o vasco, o asturiano, o catalán... E xente que canta en español e que tamén forma parte da miña vida cultural.

Decidiu facelo reinterpretando o seu propio cancioneiro. Como escolleu a que lingua asociar cada canción?

Había algunhas que xa non me cuestionaba traducir nin adaptar, como o caso de «Cedeira». Había outras cousas que eran máis sinxelas, é dicir, temas que non falan de lugares ou de cousas tan concretas, que son conceptos máis universais, como o da sororidade en «Reconociéndome» —adaptado ao castelán— ou momentos vitais como o de «Privilegio», que pode darse en calquera sitio do mundo e que calquera persoa pode sentir. Hai outras que son máis difíciles de adaptar, nas que tes que buscar a sincronía ou certa similitude territorial ou afectiva. Por exemplo, no caso do catalán, foron elas [Judit Neddermann e Clara Peya] as que escolleron «Fronteres», penso que por sobredimensionaren o significado que tiña para nós. Para elas collía probabelmente máis peso polo momento histórico que estaban a vivir.

No caso do catalán, foron elas [Judit Neddermann e Clara Peya] as que escolleron «Fronteres», penso que por sobredimensionaren o significado que tiña para nós

Ao traballar con artistas diferentes, cadaquén reinterpreta ademais o contido e engade un valor particular, non?

Iso é o máis marabilloso. As cousas teñen outro significado e pasan a ser parte das súas vidas e as fan propias.

Neste senso, como foi o proceso de gravación?

Foi distinto, porque algúns gravaron desde moi lonxe, como no caso de Lisandro [Aristimuño], que o fixo desde Arxentina. A gravar con Ana [Bacalhau] fun a Porto, igual que a Catalunya, os asturianos e Andrés Suárez viñeron aquí, Vega gravou en Madrid... Mikel [Urdangarín] ía vir, pero ao final gravou en Euskadi. Foi como a vida mesma, complicado.

Como está correndo a xira?

Moi ben, está a ser moi bonita. Levamos xa tres concertos, imos polo cuarto a Ourense esta quinta feira, e realmente estamos a sentir cousas moi importantes nos concertos. Primeiro, o que nos queriamos, que era esa atención para as diversas linguas que están no disco, ás que a xente se está a achegar con naturalidade. Certo é que xa saben o significado das letras, porque xa foran gravadas en galego. Mais a verdade é que temos un pobo moito máis aberto do que pensamos, non sei se a condición de emigrante terá algo que ver con que reciba esa pluralidade lingüística cos brazos abertos. Estamos encantadas.

Temos un pobo moito máis aberto do que pensamos

Iso recoñece precisamente o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe.

Os premios son premios e veñen por diferentes circunstancias, non teñen que ver só con que esteas a facer ben as cousas. Hai moita xente que nunca recibe premios nin os vai recibir, e non significa que o seu traballo non sexa bo, todo o contrario. Cando falei coa secretaria de Política Lingüística vasca, díxome que, á parte de polas linguas, algunha delas como o astur que non está recoñecida como oficial, pareceulles interesante outorgar o galardón a un colectivo de moitas músicas e músicos, pois Inmersión leva o meu nome mais hai moita xente detrás traballando, artistas de moitos lugares que empoderan as súas pequenas linguas, mentres os das grandes, como o español ou o portugués, apoian tamén o proxecto como tal e esa diversidade lingüística que nos representa.

Inmersión leva o meu nome mais hai moita xente detrás traballando, artistas de moitos lugares que empoderan as súas pequenas linguas

Para alén diso, era un proxecto con contido social nas letras e feminista. Iso foi o que calou nos gobernos. Sempre lle deran o premio a industrias ou empresas potentes, como no caso de Eroski, que a todas nos sorprendera que etiquetara en todas as linguas do Estado, xa hai dez anos, e a Microsoft. Que llo dean a un proxecto cultural e social, que para min tamén o é, resulta moi fermoso. Por iso estou contenta, porque teño moito amor e respecto polas linguas e os pobos, por grandes ou pequenos que sexan.

«Teño moito amor e respecto polas linguas e os pobos, por grandes ou pequenos que sexan»
comentarios