Contracultura

Gisela Mato: "O sufrimento non debe ser algo íntimo porque está para atraer a mirada e o coidado do outro"

Gisela Mato (Xenebra, Suíza, 1978), escritora e psicóloga, vén de ser galardoada co Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, convocado polo Concello de Fornelos de Montes (comarca de Vigo), pola súa obra 'Habitar as fendas', onde reflexiona sobre a vulnerabilidade e o sufrimento na experiencia humana.
A escritora e psicóloga Gisela Mato. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora e psicóloga Gisela Mato. (Foto: Nós Diario)

—Que quería transmitir con Habitar as fendas?
Habitar as fendas é unha continuación dunha reflexión que comecei co meu poemario anterior, Fraxilidades. Entendo a poesía como unha forma de conversa, de lanzar preguntas e que as persoas que lean poidan seguir reflexionando. Dentro desta continuidade, quedábanme cousas por contarme e por contar.

A conversa en ambos os poemarios xira arredor do ser humano e de esquecernos desta extensión que somos de dispositivos, das persoas máquinas. É reflexionar sobre o que nos fai seres humanos, como a vulnerabilidade ou o sufrimento, e poder mirarnos as fendas, as feridas, e que facemos con elas. Penso que o sufrimento, a dor, ten consecuencias nos afectos, na forma na que nos relacionamos, no corpo, e quería explorar todas estas facetas.

—É unha reflexión que xira arredor do sufrimento individual para achegarse ao sufrimento universal?
A poesía permite abrir o debate sen dar nada por concluído nin dar nada por feito. As imaxes permiten que as persoas interpreten aquilo que lles resoe. Interésame moito tocar emocionalmente porque é desde onde se poden ter unhas reflexións máis fondas sobre o que nos pasa. Tamén quería afastarme do que é o sufrimento como espectáculo. Unha cousa é tapar a dor e ensinar as máscaras do sorriso, que é algo que se nos dá moi ben, mais tamén se dá o outro extremo que é abrirse e expor toda esa dor nunha canle de Youtube de formas verdadeiramente obscenas.

O sufrimento é unha emoción que merece reflexión e atención, porque senón as fendas supuran, e creo que desde logo non é algo íntimo. Debemos compartilo e observalo, porque para iso están as emocións que consideramos negativas, para atraer a mirada e o coidado do outro; mais é moi diferente facer isto a exhibirnos e facer un negocio da nosa propia dor.

Igual que cando te cortas e tes unha ferida física miras para ela e intentas coidala ou incluso pides que a mire un médico, as fendas emocionais normalmente son tapadas. Vivimos nunha vertixe que non nos permite pararnos e ver que está a acontecer, que nos están a dicir as nosas emocións negativas. Queremos fuxir delas e agochalas a través de filtros de Instagram. Quería salientar a posibilidade de facer algo coas emocións negativas e deixarnos de tanto postureo. 

—Como é o seu proceso á hora de reflexionar e transmitir esas preguntas?
A tarefa fundamental do proceso de escrita non é esta en si, senón a organización do que estás escribindo e a forma que lle dás. Para min, escribir é unha cousa natural que fago sentada, de pé ou agardando na consulta do dentista, mais o proceso comeza cando collo toda esa materia prima para tratar de entendela. Traballo cun Excel, pode parecer estraño, pero é precisamente o que me axuda a que os poemas vaian equilibrados e teñan unha orde que permita facer preguntas.

Hai unha frase que di que somos un conxunto das nosas lecturas e o certo é que eu son máis lectora que escritora. Neste poemario inflúen as voces que levo lendo nos últimos anos: os ensaios de Remedios Zafra, Brigitte Vasallo ou de Paul B. Preciado, así como o teatro de Angélica Liddell ou as poesías de Chantal Maillard ou de Ocean Vuong, que beben da dor e da reflexión arredor do sufrimento.

Comentarios