García-Bodaño, premio “Voz da liberdade” do Pen

O poeta Salvador García-Bodaño é o sexto galardoado co premio “Voz da liberdade” que o Pen Club de Galiza convoca cada dous anos. O xurado quere recoñecer co galardón o seu traballo xornalístico na defensa da liberdade. 

Un xurado composto por Marilar Aleixandre, Miro Villar, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva actuando como presidente Luís G. Tosar -presidente do Pen de Galiza- e Xabier Castro como secretario decidiu outorgarlle o premio “Voz da Liberdade” ao poeta Salvador García Bodaño, en recoñecemento da súa dilatada traxectoria de autor de artigos xornalísticos en defensa da liberdade. 

García Bodaño é o sexto escritor galardoado co premio que o Centro Pen de Galicia convoca cada dous anos, despois de iniciarse no 2003 con Bernardino Graña e seguir con Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel e Mª Xosé Queizán. O xurado destacou o “compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país».

Natural de Vigo, Salvador García Bodaño comezou a súa actividade cultural en Compostela cidade na que creou boa parte da súa obra literaria e na que desenvolveu un importante papel de dinamizador cultura, sendo, entre outras cousas, cofundador de O Galo e membro do Consello da Mocidade. Foi tamén patrón-fundador do Museo do Pobo Galego, cofundador e membro da actual Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI), e membro da Fundación Patronato do Pedrón de Ouro.

Alén da súa obra literaria, Salvador García Bodaño desenvolve un amplo labor como escritor en xornais, faceta que o fai merecedor agora do premio do Pen de Galiza. Con Borobó, promovía a “Páxina das Letras” en La Noche e faríase cargo tamén en 1969 da páxina de cultura en El Correo Gallego. A súa presenza en xornais é continúa até os nosos días. O seu labor na defensa da lingua e cultura galega mesmo no franquismo queda á vista na súa participación non só en xornais senón tamén en numerosos actos xa históricos como a primeira celebración do Día das Letras Galegas en Compostela. 

Comentarios