RADIO COS PRESENTA O SEU 2º DISCO, 'PASATEMPO'

“Galiza ten unha presenza musical moi grande no exterior”

Despois do éxito do primeiro disco, en 2013, Radio Cos vén de estrear ‘Pasatempo’, o seu segundo álbum. O grupo, formado por  Xurxo Fernandes e Quique Peón (voz e percusión), Pedro Lamas (gaita e saxo soprano) e Nikolay Velikov (violín), percorreu multitude de festivais europeos e galegos divulgando a música tradicional galega por todo o mundo. Falamos con Fernandes, un dos referentes no eido da investigación etnográfica da Galiza. 

radiocos
photo_camera Xurxo Fernandes e Quique Peón, líderes de Radio Cos

- O parque do Pasatempo, en Betanzos, actúa como escenario físico da vosa música. Por que este parque?
- Funciona como escenario físico e tamén como icona da nosa música. Nós facemos unha analoxía do parque en varios sentidos: primeiro porque é unha obra que está deostada polo paso do tempo, que é un pouco o que lle acontece á música tradicional. O parque tamén é o soño dun viaxeiro que quixo mostrar ao pobo de Betanzos as marabillas que contemplou arredor do mundo nas súas viaxes. O que pretendemos tamén é conxugar músicas de raíz doutros países con que tivemos contacto a través da participación en festivais e das viaxes que facemos. 

radiocos2

- A vosa faceta como investigadores da etnografía da Galiza –a de Quique Peón e a túa- está presente en ‘Pasatempo’, mais xa estaba no voso primeiro disco. Cal é, para vos, a relación entre música e etnografía?
- A música tradicional está intimamente ligada a nós como pobo, está no noso ADN. Esta música leva connosco, na memoria colectiva, moito máis do que nos parece. De feito, a xente que non escoita habitualmente esa música ou non está nas súas experiencias diarias, conecta moi facilmente con ela. En Radio Cos, ou en calquera grupo que faga música tradicional, vemos que hai xente que conecta rapidisimamente, nos pasos de muiñeira canta os retrousos connosco. Esta música vese nosa. A música  de raíz conectan co corazón porque ten algo de terra, ten moito de esencia.

“Tratamos de visibilizar algo que sendo maioritario está minorizado”

- Na web de Radio Cos, nada máis entrar, atopamos esta cita: “Ás culturas minorizadas pásalles coma outras moitas cousas a vida, están, son verdades manifestamente palpábeis, arrodéannos. Pero non se sabe por que misterio viven na invisibilidade”. Idea que estaba no voso primeiro disco e volta estar de novo agora.
- Tratamos de visibilizar algo que sendo maioritario está minorizado. Aquí na Galiza temos este problema. Ademais do pouco amor propio que temos, non está posto en valor a nosa cultura musical. Se xuntamos a xente que está ligada dunha ou doutra maneira á música tradicional, somos milleiros. Se contamos a xente que viviu as ruadas, que viviu o último elo da cadea de transmisión oral, somos milleiros. Se sumamos a xente que está involucrada ou pasou por coros históricos, somos milleiros. Se sumamos a que estivo ou está en activo en grupos de pandeireteiras, gaitas ou grupos de baile tradicional suman moitísimos máis milleiros. E se contamos os que están dentro da industria musical, que aí tamén hai moitísima xente, toda esa xente son milleiros de persoas que están invisíbeis, porque non hai unha forma de visibilizarse. E iso tamén lle pasa á nosa música. No primeiro disco o noso primeiro motivo era visibilizar todo isto. Facendo tamén unha analoxía con esa hortas urbanas que quedaron fagocitadas polo cemento, pero que resisten aí. Ti pasas todos os días por elas, que en todas as cidades galegas temos iso, e non o vemos, quedaron invisíbeis porque non lle prestamos atención. Pois un pouco é o que lle pasa á nosa música tamén.

- O son, que segue as características da música tradicional, e por iso mesmo, recrea un ambiente de festa e esmorga, ten unhas letras características. Faise referencia ao contorno galego, á terra, ás tradicións, etc.
- A liña da visibilización continúa de novo neste disco acrecentada coa visión de irmandar a nosa música tradicional con outras, porque todas as músicas de raíz teñen un compoñente común. Todas coinciden en algo. De feito, neste disco, temos músicas da Indica, de Bulgaria, africanas... todas estas músicas non se identifican facilmente como tal, senón que están completamente integradas na nosa música. Iso quere dicir que algo de común si que hai, porque se basea todo no latido do corazón. Isto permítenos tamén acceder a festivais internacionais e que a xente conecte con nós. Facer da música galega patrimonial algo universal.

 
“A música tradicional está intimamente ligada a nós como pobo, está no noso ADN”

-Despois de todo o voso percorrido, tanto dentro como fóra da Galiza -a presenza na revista Folk Roots, na listaxe de Word Charts Music, no pasado Womex e a grande cantidade de festivais europeos aos que leváchedes a vosa música-, cres que medra a cultura galega no mundo en xeral?
-Si, mais do que nos parece. Galiza ten unha presenza musical moi grande no exterior. Nós imos a Borneo, a Malasia, e agora no mes de xullo imos ir a Canadá e aos Estados Unidos, etc. E todos eses festivais nos que imos participar solicitaron a nosa asistencia. Hai un interese explícito na nosa música, o que pasa e que aquí, por diversas cuestións, entre elas, o pouco valor que lle damos ao noso, non se ten en conta este potencial que temos.

- Fálame do proceso de creación, tanto da música como da letra
- O proceso de creación de Radio Cos é bastante sinxelo. Non temos unha persoa que nos arranxe, que isto facilitaría moito, pero é bastante sinxelo en canto a funcionamento. Xuntámonos os cinco, e a proposta dos temas tradicionais propoñémola Quique e máis eu, que somos os que temos o arquivo da recolleita, e cada un vai achegando o seu enfoque de como se podería orientar o arranxo para esa canción. 

- Destaca a reinterpretación de ‘Adios ríos, adios fontes’. Que lugar ocupa Rosalía de Castro en ‘Pasatempo’, e, en xeral para Radio Cos?
- Nós non vemos reinterpretación. É a interpretación nosa que facemos dese poema que estivo varias veces musicado.  Quixemos musicala cunha melodía musical porque parecíanos moi axeitado para este poema tamén baseado na poesía popular, porque Rosalía baseouse na poesía popular para compoñer este tema. Parecíanos axeitado versionalo cun cantar relaxoso de Ponte Caldelas e darlle un aire de tango. Sabendo que a emigración que houbo a Arxentina foi a máis multitudinaria, e que esta letra ten un compoñente moi grande de saudade e nostalxia pola terra, pareceunos unha dupla homenaxe: unha homenaxe a emigración, que evoca un pouquiño este poema, e tamén a Rosalía ao centrar o foco de atención na lírica popular, que ás veces non está tan posta en valor como se debería. 

 “A liña da visibilización continúa de novo neste disco acrecentada coa visión de irmandar a nosa música tradicional con outras, porque todas as músicas de raíz teñen un compoñente común”

- “Tu testa madama es un campo de gherra donde el rei de España presenta bandiera”, dicides en ‘Panxola da madama’, unha das pezas máis pícaras do disco. Cóntame cal é a súa historia
- Esta peza pertence a un corto romancístico panhispánico, que aquí tamén temos. Aquí na Galiza ademais de ter a nosa tradición propia tamén temos unha tradición panhispánica de romanceiros. Isto é moi interesante porque abrangue toda a Península Ibérica, incluído Portugal, Sudamérica, etc, os países de fala panhispánica e portuguesa. Esta canción aparece en toda a zona panhispánica con diversas funcionalidades. Por exemplo, en Aragón este canto é un canto dos maios, porque se canta polo mes de maio. Nos países de Oriente é un canto de voda (en Turquía, en Grecia e en Bulgaria). Aquí aparece como unha panxola de Nadal. Pareceunos curioso engadir esta peza no disco por eses dous motivos: un pouco por esa viaxe que fixo a propia cantarea, expandíndose polo Mediterráneo e en cada sitio tendo unha funcionalidade, e despois tamén porque aquí nos pareceu curioso que existira unha panxola atea que se cantara no ciclo do Nadal, que ao fin e ao cabo é un ciclo estacional que a igrexa se foi apoderando desas cerimonias que xa existían antes da chegada do cristianismo. E parécenos significativo que haxa unha panxola que non fale da relixión. Isto sumado a que a panxola é unha panxola viaxeira, que é o motivo do noso disco, pois gustounos metela aquí. 

- É a de ‘Alalá-ghoró’? a canción máis longa do disco e co título máis creativo. 
- O alalá é un xénero noso moi típico, libre e melismático. Ghoró é un tipo de muiñeira que se toca en Bulgaria, un xénero musical que se chama así. Entón xuntamos estes dous que nos parecía que casaba moi ben e titulámola ‘Alalá-ghoró’. 

“Parécenos interesante normalizar a fonética da lingua facéndoa, ao mesmo, tempo universal”


- A gheada tamén está nas pezas. Outro xeito de reivindicar, non?
-Si, parécenos interesante normalizar a fonética da lingua facéndoa, ao mesmo, tempo universal. Moitas veces pécase de querer escriber como se fala. Isto vémolo moito habitualmente, que se transcribe a gheada para dar quizais un toque formal, cando iso non está favorecendo a normalización da nosa grafía porque todos sabemos que a gheada non fai falta transcribila para poder lela. Entón se nós escribimos e non representamos os fenómenos fonéticos, senón que xa sabemos que os hai que ler así, penso que contribuímos á normalización da lingua. 

- Das 10 cancións que conforman ‘Pasatempo’ hai unha, ‘Pateado de Ambroa’, que é instrumental. Cal é o súa relación co conxunto do disco?
- No outro disco tamén tiñamos unha instrumental. Parécenos que forma parte da nosa tradición as melodías instrumentais aínda que nos estamos centrados na tradición oral. Pero parécenos interesante tamén facer unha chiscadela a esas melodías que non eran cantadas, senón que eran interpretadas con instrumentos. 

Comentarios