[VÍDEO] A Galiza estará na Eurovisión das músicas de intelixencia artificial

Catro meses de traballo para realizar unha peza musical a través da intelixencia artificial e participar no certame Liège (Bélxica), é a aventura liderada polo xornalista Joel Cava. Será a primeira vez que unha canción galega participe neste certame. 
photo_camera 'Ai-Lalelo' é o tema co que a Galiza participa no certame.

A Galiza participará coa canción Ai-Lalelo no AI Song Contest, a Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial, que terá lugar o 6 de xullo en Liège (Bélxica).

A candidatura galega está formada por un equipo multidisciplinar de seis persoas, entre artistas e profesionais da enxeñaría, a investigación e a música que teñen como obxectivo, segundo explican nun comunicado, "promover a lingua e cultura galega no eido internacional a través das novas tecnoloxías". A iniciativa está liderada polo xornalista Joel Cava, da axencia creativa compostelá Cecubo Group

Esta será a primeira vez que unha canción galega participe no concurso impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado de Eurovisión

Homenaxe ás mulleres

A canción, creada por este equipo a través da intelixencia artificial, quere ser tamén "unha homenaxe ás mulleres que impulsaron a Galiza e a súa tradición, lingua e cultura". O tema mestura raíz e modernidade, cunha base nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición.

Ademais, a peza busca transmitir a responsabilidade da cidadanía para que a identidade e a tradición galega continúen vivas. 

O proceso para compoñer a canción durou catro meses, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai.

No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano. 

O equipo desta aventura

O equipo desta iniciativa leva o nome de "Ana María Prieto", unha homenaxe á primeira muller programadora informática galega.

O grupo de traballo está formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora de Elisa e Marcela (2019) de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València.

Comentarios