O Galician Freaky Films Festival quece motores para a fin de semana

A organización leva 10 curtametraxes premiadas na pasada edición ás salas Codex da cidade de Lugo. Será a antesala promocional ao evento principal, que decorrerá en Vigo do 29 de setembro ao 2 de outubro.
Cartel promocional do evento. (Foto: GFFF) #galicianfreakyfilmfestival #promoción #lugo
photo_camera Cartel promocional do evento. (Foto: GFFF)

O cinema freaky recala esta fin de semana nas salas Codex de Lugo como acto promocional de cara ao desenvolvemento das actividades centrais do Galician Freaky Film Festival que terá lugar en Vigo do 29 de setembro ao 2 de outubro. As propostas terroríficas, de serie B e de ciencia ficción non son territorio exclusivo das e dos vigueses e nesta ocasión comparten unha selección dos traballos que gañaron na anterior edición. 

As proxeccións terán lugar este sábado a partir das 22 horas “grazas –segundo ás promotoras do evento– ao apadriñamento do Grotesque Film Festival, un certame co que comparte o carácter canalla e as ganas de sorprender e de tratar con sorna calquera tema”.

O realizador Brian Rodríguez Cortiñas será o encargado de presentar o acto, que fornecerá ao público lucense 10 curtametraxes e actuacións musicais.

A organización avanza que entre os pases estarán a curta polaca de terror Bad Hair; “a bizarra animación inglesa Slug Life”; ou a comedia de humor negro El tratamento, de Álvaro Carmona. 

A actividade non rematará despois de dar chimpos e sorprenderse coas producións audiovisuais desde a butaca, pois o músico local Javier Miranda fornecerá un concerto para dar a coñecer o seu último traballo discográfico, Strange Imperfection. A partir da 1 da madrugada, será a quenda do DJ Aullidos de Látex. 

As entradas para gozar deste plan de sábado un tanto inusual están dispoñíbeis na páxina web do festival a un prezo de cinco euros. 

Acudir a esta cita servirá de antesala para o festival de cinema freaky, que este ano chega á quinta edición con todo tipo de achegas enviadas desde a Galiza, o resto do Estado español e mesmo de orixe internacional. 

Comentarios