Contracultura

Francisco Bermúdez: "A asociación vai ser o tecido que envolva as comunidades de Podgalego, Twitch e Youtube"

Francisco Bermúdez, coñecido nas redes como Fran da Lobeira, é o actual presidente da recentemente creada Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego. Bermúdez aborda o proceso de creación da entidade, así como os seus obxectivos, e a importancia da visibilidade xa que, como el di, “canta máis xente nos coñeza, máis persoas falarán de nós”.
O presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, Francisco Bermúdez (Foto: Nós Diario).
photo_camera O presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, Francisco Bermúdez (Foto: Nós Diario).

Como xorde a Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego?

En marzo, comezamos a falar de crear un tecido arredor das comunidades xa existentes: Podgalego, Twitch en galego e Youtube en galego. Cremos que é moi necesaria porque como persoa individual haberá axudas ou determinadas subvencións que non se poidan pedir, mais por medio da asociación podemos chegar a elas. O noso primeiro estatuto penso que é o máis importante: crear, rexistrar, promover e difundir contido en galego en Twitch, Youtube, plataformas de podcast e calquera outra similar a estar. É dicir, a creación de contido está completamente aberta a calquera plataforma nova que se queira unir. 

A idea non é ocultar ningunha das comunidades xa existentes, senón que a asociación vai ser o tecido que as envolva; por exemplo, Podgalego seguirá sendo o que é, co engadido de ser parte da asociación. Outro dos fins como asociación tamén era fomentar a creación destas comunidades, como un Instagram en galego ou un Tiktok en galego. Falamos dunha comunidade que abrace toda a xente que está creando contido en galego 
nesas plataformas. 

A pesar de ser recente, a asociación xa tivo un espazo no Culturgal.

Parecíanos importante estar, aínda que, entre que nos reunimos, até o inicio do Culturgal, pasou menos dunha semana e tamén tivemos que facer un desembolso económico bastante importante a nivel individual. Para nós era importante para dar a coñecer a asociación, dar visibilidade a esta creación de contido, mais tamén para tecer unha serie de conexións con industrias ou empresas culturais que poidan sustentar en parte o noso labor.

E non necesariamente dunha forma económica, quizais con determinados obxectos como, por exemplo, descontos do 5% ou do 10% para as persoas asociadas en dominios ou servidores. É dicir, facer un pouco o que xa estaban facendo iniciativas como Orgullo Galego, mais como asociación. 

Quizais con esta visibilidade tamén habería máis contido en galego. 

Eu isto xa comecei a pensalo hai dous anos cando creei a lista das 50 do Youtube. A visibilización é o máis importante que deberiamos facer, porque se todas falamos de todas, deixa de ser algo endogámico; se eu falo doutras canles e estas falan de min, ambos os contidos chegarán a máis persoas, non nos consumiremos só entre nós. Precisamente, o proxecto de Oíches, o podcast oficial de Podgalego, vai por aí, porque o directorio ten xa 15 anos e aínda hai persoas que pensan que son as primeiras en crear un podcast en galego. 

Hai dous anos, comecei a facer buscas e a interesarme por descubrir novas canles e comunidades que nun principio non entendía, como me pasou con Twitch, e todo isto faime pensar en cantas cousas e persoas que crean contido na nosa lingua non coñecemos. Porque eu, aínda agora, atopo canles con 2.000 persoas seguíndoas e que non coñecía. Ao final, canto máis tempo e esforzos invistamos en visibilizar, mellor será o noso traballo. Canta máis xente nos coñeza, máis persoas falarán de nós. 

O seguinte paso é a asemblea xeral que vai decorrer o 21 de xaneiro en Vigo, non?

Si. Entre agora e xaneiro temos que facer as máximas socias posíbeis porque serán as que ratifiquen esta xunta provisional que formamos ou as que escollan unha xunta directiva nova. Tamén hai moitas cuestións de actuación que hai que deixar claras nesta reunión.

Por exemplo: como admitimos canles nos bots, porque iso non está escrito e cada comunidade faino á súa maneira; quizais conviría unificar criterios. Por isto, esta semana, todas as persoas que forman parte das comunidades foron recibindo un escrito explicando o que fixemos até o de agora e a ficha de afiliación.

Comentarios