A fotografía retrata as vítimas do mercado en Ffoco
En 2022 mostrou as cicatrices que deixa na paisaxe a actividade humana. En 2023 centrouse no concepto de fronteira para repensar os vínculos das persoas con ese mesmo territorio. Este ano, o centro está nos cambios –non só paisaxísticos– que o territorio padece a causa das mudanzas na economía, no mercado. A oitava edición de Ffoco, o Festival de Fotografía da Coruña, persiste na súa visión desta arte como un lugar intermedio entre as belas artes e a comunicación social, colocando no centro da súa procura os procesos de desindustrialización e a transformación que estes implican para as persoas, os territorios e as paisaxes. A Fundación Luis Seoane, sede principal do festival, acolle dúas exposicións que abordan con crueza os efectos devastadores da desindustrialización levada a cabo polos gobernos conservadores de Margaret Thatcher.
Se cadra, a proposta máis esperada e a de Bandia Ribeira (As Pontes, Eume, 1980), que presenta o seu traballo A vida é marabillosa, sen ela estarías morto, no que fixa a mirada no Sur de Gales, no pasado, un dos máis importantes exportadores de carbón e aceiro do mundo. O desmantelamento da industria deixou alí unha sensación de espolio que a fotógrafa explora dunha maneira libre e dinámica, a través de retratos e situacións que conforman un relato que fala de decadencia, mais tamén de exaltación.
Bandia Ribeira, que xa se converteu nunha das figuras emerxentes máis interesantes da fotografía actual –o British Journal of Photography incluíuna na súa influínte lista "Ones to Watch"–, crea unhas imaxes que elaboran un retrato colectivo a medio camiño entre a estética de Martin Parr e o diálogo cos clásicos de Chris Killip, dous fotógrafos que reflectiron na súa obra un Reino Unido no que a conflitividade social era a norma. A transición desde unha economía produtiva a outra baseada nos servizos resultou ser traumática para un importante sector da sociedade, e a fotógrafa galega explora o resultado a través dunhas imaxes que, se cadra, poderían evocar o pasado industrial da súa vila natal, As Pontes, ou da moi próxima cidade de Ferrol.
Vítimas dos acontecementos
No mesmo escenario, o País de Gales, sitúase TA-RA, do arxentino Sebastián Bruno, que foi rexistrando, entre 2013 e 2022, detalles das vidas da clase traballadora, cuxa existencias quedan marcadas por acontecementos sociopolíticos históricos e actuais: sobre esas vidas recaeron as peores consecuencias de doce anos de recortes e políticas de austeridade, o Brexit e a crise económica conseguinte.
As fotos de Bruno logran crear unha rara sensación de inverosimilitude e, ao tempo, de cotidianeidade, como se o observador das imaxes coñecese intimamente unha comunidade que se move entre as contradicións políticas e a monotonía da súa realidade cotiá.
Ademais, aproveitando a presenza do fotógrafo na Coruña, o autor arxentino impartiu un obradoiro aberto que tivo como obxectivo desenvolver un retrato contemporáneo sobre a cidade, que se enfronta a un dos seus maiores retos de futuro: a completa transformación da súa fachada marítima tras o cesamento de actividade portuaria nos peiraos. O obradoiro tivo como resultado unha pequena publicación colectiva que os participantes levaron en formato PDF para que poidan imprimila de forma independente.
Ambas as exposicións estarán patentes até o día 22 de decembro e serán complementadas pola que se inaugurará o vindeiro día 9, no mercado de San Agustín: Mercado. Tránsito e significante, na que Antía Garrote se pregunta: "Desprovisto de contido, de actividade, de misión, que é un mercado?". A exposición da galega estará patente até o día 31 de decembro.
Libros e proxeccións
A transición do sector primario ao terciario, partindo neste caso do turismo como paradigma dun modelo gastado, centrou tamén unha sesión de proxeccións na Fundación Seoane comisariadas por Luis Díaz Díaz. Os traballos fotográficos de Arantxa Boyero, Manolo Espaliú, Cristina Arribas e Carmelo Vega, Néstor Lisón, Rubén Acosta e Elisa Gallego serviron para centrar unha palestra, na que interviron os arquitectos e urbanistas Iago Carro, Íñigo Sánchez e Elisa Gallego, sobre un tema de máxima actualidade: turistificación e turismofobia, dous conceptos que estiveron moi presentes o pasado verán na Galiza e que seguen marcando un bo espazo do debate público.
Tamén a fotografía como reflexo da sociedade contemporánea estivo presente nas proxeccións que se levaron a cabo na Filmoteca da Galiza na xornada do pasado sábado: En Petit mon amour, Amador Iravedra infíltrase no mundo da prostitución, con entrevistas a mulleres e clientes de imaxes de locais onde leva a cabo esta actividade, "sen tentar orientar nin posicionar a opinión do espectador".
En Agarda un anaco, Mateo Villalustre retrata a súa contorna próxima, unha xeración que trata de edificarse e redireccionar o camiño herdado e cheo de obstáculos, polo que ademais se lles obriga a correr. Pola súa parte, Pablo Luaces propón en Usual Corners un percorrido por paisaxes e detalles dunha cidade cuxa identidade permanece na ambigüidade, deixando que sexa a persoa espectadora a que trate de recoñecela.
Ffoco presenta ademais libros como Pasaxeiro en tránsito, unha colección de tres libros obxectos editados por Candelaria Magliano; Ventá a Fisterra, novo libro do mítico José Caruncho, que reúne esta serie de fotografías despois de máis de corenta anos de traballo; e Bóveda, a memoria non lugar, do fotógrafo coruñés Óscar Górriz, unha obra que celebra a riqueza da cultura galega mediante un proxecto etnográfico, fotográfico e musical.
Premio de Fotografía Documental
A Asociación Recreativo Cultural Acolá abre unha nova convocatoria do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega que busca potenciar a creación de novos fotolibros e fomentar as interrelacións entre fotógrafos e profesionais da edición.
A gañadora da primeira edición, Ana Paes, vén de publicar Orixe ou cando a marea baixa con Fabulatorio. Entre as augas, de Ana Núñez Rodríguez, gañadora da segunda edición, está a piques de saír; e o colectivo Cadela Negra, gañador da terceira edición, traballa xa con Alauda Negra na publicación do seu proxecto MAN.