O Festival do Imaxinario recupera o fantástico en Vilagarcía

A figura de Batman será o eixo da 52ª edición de Curtas. Festival do imaxinario, que desde esta sexta feira e até o próximo día 2 de novembro presentará máis de 100 filmes que abordan o fantástico e o terror desde diferentes perspectivas.
 
'1978', de Nicolás e Luciano Onetti, ambientada na época da ditadura arxentina.
'1978', de Nicolás e Luciano Onetti, ambientada na época da ditadura arxentina.

Dentro do sistema de festivais de cinema da Galiza, o Curtas. Festival do Imaxinario -que comeza esta sexta feira, 25 de novembro, en Vilagarcía e que se estendera até o vindeiro 2 de novembro- ocupa un lugar singular: non só é o máis veterano do país -con 52 edicións ás súas costas- senón que a decisión de especializarse no cinema fantástico, en 2015, converteuno nun vórtice no que se xuntan diferentes maneiras de entender a cinefilia.

Desta forma, por exemplo, a grella do festival contén filmes tan diversos como o Batman de Tim Burton -o personaxe arredor do que xira a edición deste ano- e Tomorrow I die, do director húngaro Nikol Cibulya, que vén directamente do festival de Varsovia e que ten a súa estrea no Estado en Vilagarcía.

"En realidade, Tomorrow I die é realismo máxico, é unha película case costumista", explica Luís Miguel Rosales, director do certame, en conversa con Nós Diario. "É o exemplo perfecto de como un drama pode conter elementos fantásticos. É cada vez máis habitual que directores que non son de xénero introduzan esta compoñente nos seus filmes. Iso transforma o fantástico nun recurso estilístico e narrativo que resulta moi útil para contar unha historia".

A convivencia coas plataformas

Pero ademais, o fantástico permite expandir a experiencia cinematográfica máis alá da sala de cinema: Curtas complementa sempre a súa oferta con exposicións, eventos extraordinarios e unha atención especial á banda deseñada.

"Baixo o noso punto de vista, o sistema de distribución cambiou e a forma en que a xente ve as películas está sufrindo unha enorme mudanza. As plataformas dixitais ofrecen unha cantidade enorme de produtos audiovisuais e cada vez é máis difícil atraer a xente ás salas. E nós o que intentamos con estes eventos -dirixidos a outro tipo de públicos diferente aos que seguen acudindo ás salas habitualmente- e recuperar esa experiencia de ver o cinema nunha sala escura. Para iso precisamos xerar un acontecemento arredor dos filmes que supoña unha certa gratificación extraordinaria, para que o público asocie o feito de ir ao cinema con algo que ten un atractivo maior que ver a película na casa. Queremos recuperar ese "ir ao cinema" como algo único, como unha experiencia colectiva que non vas ter na túa casa".

Así, por exemplo, Curtas organiza actividades tan diferentes como un photocall co icónico batmobil da película de Burton; unha cena de Samaín inspirada no célebre filme de Roman Polanski O baile dos vampiros; un pase do clásico do cinema mudo, O xorobado de Notre Dame, de Wallace Worsley, acompañada pola música en directo do conxunto Casperverk; un concerto sinfónico cos temas dos filmes de Batman a cargo da Orquestra de Vigo; ou as "sorpresas" anunciadas, pero non desveladas, na estrea estatal de Terrifier 3, de Damien Leone, a última entrega da saga de Art the Clown como protagonista, que se está convertendo nunha das grandes sensacións nos Estados Unidos e que probabelmente será, tamén aquí, un fenómeno de billeteira.

"E, desde logo, tamén queremos darlle a oportunidade ao público de atoparse cos creadores e saber algo máis sobre os seus métodos de traballo e sobre a historia das rodaxes", acrecenta Rosales. "Este ano por exemplo, o día 31 de outubro, que é cando se estrea en Amazon, imos ter connosco a Ángel Agudo, o guionista de Apocalipse Z, para que nos conte como foi o proceso de adaptar a novela do galego Manel Loureiro [publicada por Urco]. Manel non poderá vir porque estará presentando o libro en México, pero Agudo relatará as interioridades deste éxito da literatura do país".

Tamén pasarán por Vilagarcía, entre outros, o coruñés Enrique Lojo, que vén de estrear en Amazon a serie En Fin da que é cocreador xunto a David Sainz; o autor de cómics Jaime Martín, consagrado como un dos autores europeos máis interesantes do momento; ou Richard Stanley, o director sudafricano autor de películas de culto como Hardware Ready to Kill e Desert Demon. Nomes que se suman a unha longa lista de personalidades que pasaron polo festival arousán e que inclúe nomes tan ilustres como o do creador dos Gremlins, Joe Dante

Cinema galego

O festival non esquece o cinema galego e abre a súa sección de curtas galegas a outros xéneros, malia que no seu haber está o descubrimento de filmes tan exitosos do fantástico como Jacinto (ronda o demo).

"Este ano teremos a Roberto Alvite presentándonos o seu filme As tres outras vidas de María Santiso, un filme moi curioso que combina o cinema de zombis coa tradición galega", anuncia Rosales.

Ademais, poderán verse curtas de, entre outros, Marcos By, Anxo Rojo, Laura Delgado & Eduardo Rodríguez, Anita Pico, ou Antonio Caeiro.

Outras latitudes

Doutras latitudes chegan filmes tan atractivos como V/H/S/ Beyond, da franquicia de la franquicia V/H/S, unha película antolóxica de terror e ciencia ficción realizada a partir da técnica do found footage ou metraxe encontrado; a polémica Little Bites, dirixida por Spider One (Michael David Cummings); a canadiana Dark Match, de Lowell Dean, que mestura omundo da loita libre co terror; ou 1978, de Nicolás e Luciano Onetti, ambientada durante a ditadura arxentina e a famosafinal do Mundial de fútbol de 1978 entre Arxentina e Holanda.

Serán máis de cen filmes -86 curtas e 27 longas- de 31 países e cinco exposicións: O ano do Morcego na que 50 ilustradoras -entre elas Jordi Bernet, Alfonso Azpiri, Maria Emege, Verónica Álvarez, Jorge Fornes ou Laura Pérez Vernetti-  recrean a figura de Batman; Justice Heroes, sobre o home morcego e os seus compañeiros na Liga de Xustiza; Dos Urales aos Pireneos, na que Jaime Martín presenta o proceso gráfico de dúas das suas obras máis fantásticas; Cabezóns denominación de orixe, un percorrido pola obra de Enrique V. Vegas; e H.P. Lovecraft. Manual zoomórfico, na que se recolle un amplo número dos seres que o escritor de Providence plasmou nos seus relatos, desde a óptica do profesor de arte e experto en Lovecraft, Luis Camacho.

Comentarios