O festival de cine Intersección mostra as novas linguaxes visuais na Coruña

O encontro dedica unha retrospectiva ao colectivo Total Refusal.
'Dekonstructing Besiender', un dos filmes que se poderán ver na retrospectiva do colectivo Total Refusal. (Foto: Intersección"
'Dekonstructing Besiender', un dos filmes que se poderán ver na retrospectiva do colectivo Total Refusal. (Foto: Intersección"

O Festival Internacional de Cine da Coruña, Intersección, inaugura esta terza feira súa sétima edición apostando por unha programación internacional que reflicte as novas linguaxes cinematográficas.

O festival organiza nesta edición unha retrospectiva do colectivo austríaco Total Refusal, que se define como "unha guerrilla mediática pseudomarxista" centrada na intervención artística e na apropiación dos videoxogos convencionais, para revelar o aparello político que agochado detrás destes medios aparentemente inocuos.

Clásicos Modernos é a nova sección do festival. O Teatro Colón acollerá a proxección e dúas películas -Sen Perdón de Clint Eastwood e Miami Vice de Michael Mann- que crean ecos co traballo que está a realizar Total Refusal, o colectivo no que pón o foco este ano o festival.

Alén das seccións competitivas e as proxeccións habituais, Intersección programa a Sección Inmersiva, cunha instalación de realidade virtual do artista Sergey Prokofyev con obras que van máis aló da experiencia bidimensional e buscan redefinir as narrativas. Podese visitar en Palexco durante todo o festival.

As seccións competitivas traen 42 filmes, entre os cales o talento galego cobra especial relevancia. A Sección Galiza acolle traballos de cineastas como Lois Patiño, Xacio Baño, Feyrouz Serhal, Inés Pintor, Hugo Amoedo ou Alba Domínguez entre outros.

A Sección Internacional trae á cidade da Coruña un cinema de autor que mostra as correntes máis actuais e innovadoras, cos últimos traballos de cineastas como Nelson Carlos dos Santos Arias, Martín Rejtman, Courtney Stephens, Travis Wilkerson, Eva Giolo, Kevin Jerome Everson ou María Cañas, entre outros moitos.

Comentarios