O público do Festival do Imaxinario fica con "Jacinto" e "O que queda de nós"

O certame de curtas de Vilagarcía tivo un palmarés moi repartido
Pedro Brandariz en 'Jacinto (ronda o demo)' que poderá verse no Curtas e que vén de ser premiada no Festival de Sitges. (Foto: Nós Diario) #festivaldoimaxinario #vilagarcía #cinema #jacinto
photo_camera Pedro Brandariz en 'Jacinto (ronda o demo)' que poderá verse no Curtas e que vén de ser premiada no Festival de Sitges. (Foto: Nós Diario)

O público falou e elixiu Jacinto e O que queda de nós como as súas producións gañadoras no Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, que vén de fechar a súa 49 edición cun palmarés de carácter internacional. Os premios estiveron moi repartidos nun certame que conseguiu atraer más dun cento de propostas. 

Os grandes premios das e dos espectadores foron para a longametraxe Jacinto, a primeira longa de Javi Camino, e para O que queda de nós, a curta dirixida por Miguel Gómez Abad. Cos galardóns ficando na casa, pois ambas propostas naceron na Galiza, amósase unha vez máis o potencial audiovisual que existe no país. 

No primeiro caso, a historia de Jacinto, un adulto con mentalidade de neno, que sospeita que as súas novas veciñas puideron intervir na morte do seu porto, conquistou as espectadoras coas chiscadelas ás técnicas naturais do cinema de terror. Na sección 'Planet horror' para curtas, O que queda de nós, xurdida a partir dun traballo universitario, conta a experiencia dunha nai e unha filla que saen xuntas a cazar por un imprevisto, dado que, a ollos da muller, a nena non está preparada para disparar. 

Continuando coa aposta pola creatividade galega, levou o recoñecemento ao mellor documental Coral Piñeiro por Dores.

Unha mirada interior con espazo para as achegas 

Xa dentro do apartado ‘Feito na Galiza’, o xurado profesional considerou que a mellor curta deste ano foi La metafísica del asesino de Rubén Méndez e o mellor director recaeu na persoa de Sergio Pereda pola Sombra do mar.

Mais tamén houbo premios que marcharon da Galiza, como o de mellor longametraxe fantástica, que recaeu en The Sadness de Rob Jabbaz, e o especial do xurado para The spine of night, dos realizadores Phillip Gelatt e Morgan Galen King.

Ao valorar a produción latinoamericana elixíronse Nocturnia, la noche del hombre grande de Gonzalo Calzada (filme) e á dirección de Gonzalo Calzada e as interpretacións de Pepe Soriano e Marilú Marini. 

No que se refire ao cinema fantástico, o Imaxinario decantouse por Tío de Juan Medina e á hora de seleccionar a animación máis perfecta, incluíuse no palmarés Unnecessary Things de Dmytro Lisenbart. Aliás, considerouse que o mellor director foi Xanti Rodríguez por Ospel.

Por outra parte, os galardóns de honra do festival foron para Joe Dante, Daniel Monzón, Nacho Vigalondo, Elia Barceló e Manel Loureiro. 

Comentarios