Fernando Abreu, de Cuarteto Caramuxo: "Na Galiza, o clarinete está presente na música tradicional desde finais do século XIX"

Sete anos despois do seu segundo traballo, o Cuarteto Caramuxo publica un novo disco baixo o título Reviravoltas. Nel, recollen as pezas que foron creando ao longo do tempo e contan coa colaboración de Mercedes Peón na versión de De Seu. Nós Diario conversa con Fernando Abreu, un dos clarinetistas da formación.

Caramuxo - Mariña Prieto Vilar
photo_camera Fernando Abreu é o segundo, de pé, pola esquerda. (Foto: Mariña Prieto)

Como xorde Reviravoltas?

É o resultado dos anos que levamos sen publicar, foise facendo a lume lento. Desde a publicación do segundo traballo, xa comezamos a crear repertorio novo, nunca deixamos de facelo. O disco sae cando temos as pezas suficientes para poder sacalo, é aí cando nos animamos a gravalo. Son temas que xa levamos tocando nos concertos nestes últimos anos, con dous ou tres que si son máis recentes.

O título deixa ver o que se pode atopar nel, non?

Esa é a idea. É bastante acaído no sentido de que o que facemos e buscamos é darlle reviravoltas ás melodías tradicionais. Practicamente todo o repertorio, a excepción do tema que facemos con Mercedes Peón, son melodías tradicionais recollidas por Castro Sampedro. Xogamos a darlle reviravoltas, actualizándoas ou levándoas aos puntos que nos apetece. Normalmente non temos unha idea fixa cando comezamos a crear un tema e cada un vai a un lugar diferente. Ao crear de maneira colectiva, esa idea inicial evoluciona.

mLogo, nos directos, tamén colle outro punto até que consideramos que a peza está fechada. Aínda así, realmente nunca está fechada de todo, xa que no disco preséntase dunha forma, pero iso non impide que nos directos sigamos a darlle reviravoltas.

Mantense, entón, a esencia das melodías tradicionais. 

Algunha vez podemos facer algunha pequena modificación, pero o punto de partida sempre o tivemos claro, que é respectar a melodía tal e como aparece recollida no cancioneiro. A partir de aí, a partitura dá unha información, pero logo hai unha cantidade de elementos da música que non están recollidos e que son os que nos permiten recrealo de maneira actual.

Segue a liña dos anteriores discos?

Nós levamos un camiño bastante claro desde o principio, pero que está en evolución constante. É dicir, non temos un estilo parado, estamos sempre probando cousas novas, da mesma forma que nós evolucionamos e que a música que nos rodea evoluciona. Procuramos ser xente que estamos en contacto co que sucede ao noso arredor e iso tamén inflúe na música que creamos. Estamos nunha constante evolución, pero sempre fieis aos nosos sinais de identidade.

Que obxectivos persegue este traballo?

Buscamos que a xente desfrute coa música que facemos, que se sintan identificadas e identificados con ela. Que poidan bailar nalgunhas ocasións ou que simplemente gocen desde unha escoita tranquila. Cada peza procura levarte a un lugar diferente e iso tamén provoca emocións diversas. No fondo, o que agardamos é que quen as escoite reciba os estímulos que nos propoñemos.

Así mesmo, tamén queremos chegar a un público máis amplo. O mundo clásico sempre está reducido a un público que, ou ben coñece a linguaxe, ou tamén vai cunha predisposición cara á música clásica. Queremos chegar a todo o público achegando o que nós sabemos. Empregar todo o aprendido para crear música popular que poida chegar a todo o mundo e que a nós nos aporte algo. O fundamental tamén é que nós desfrutamos moito facendo isto.

Esta achega á música popular lévana a cabo a través do clarinete.

Cando comezamos a tocar xuntos, en ningún momento pensamos en buscar outros instrumentos que nos puidesen facer soar máis forte. A partir do que nós tocamos e sabemos, decidimos traballar sobre a música tradicional. Pouco a pouco fomos descubrindo que, na Galiza, o clarinete está presente na música tradicional desde finais do século XIX. Iso levounos a reivindicar o seu papel, xa que houbo un momento no que quedou un pouco á marxe. Entón, dalgunha maneira estamos recuperando esa esencia que fai máis de cen anos que está na nosa música.

Comentarios