Fernán Vello gaña o Cidade de Ourense con “Habitación do asombro”

Con Habitación do asombro, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello fíxose coa XXVIII edición do Premio Cidade de Ourense de Poesía, un galardón que foi adxudicado onte, sexta feira, por un xurado formado por Fernando de Castro Blanco, Teresa Devesa, Francisco Xavier Fernández Naval e Xavier Rodríguez Barrio, gañador da anterior edición do premio.
Fernán-Vello
photo_camera Fernán-Vello

O xurado destacou da obra de Fernán Vello unha grande “unidade temática e estilística, con imaxes reveladoras e brillantes de grande perfección lírica”. Afondou tamén na consistencia duns poemas que calificaron de “longo alento”, xa que, ao seu ver “manteñen a tensión de principio a fin, sen decaer en ningún momento”. 

Miguel Anxo Fernán Vello naceu en Cospeito no 1958 e é unha das máis sólidas voces da coñecida como Xeración dos 80. A comezos dos anos noventa botou a andar a editorial Espiral Maior que conta co máis sólido fondo de poesía da historia literaria galega. Entre outros, na súa condición de poeta, conta cos premios Celso Emilio Ferreiro, Esquío, Premio da Crítica Española, González Garcés ou Martín Códax. Na súa obra recente destaca Poetas da lenta nudez, Capital do Corpo ou Territorio da desaparición.

No ano 2011, con motivo do aniversario de Espiral Maior, a editorial Laiovento tirou do prelo o volume Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello que recolle once ensaios como homenaxe ao poeta de autoría colectiva. Xabier Baixeras, Xulio Valcárcel, Eva Veiga, Manuel Forcadela ou Xabier Seoane son algúns dos autores.

Comentarios