Contracultura

Eva Cabanelas: "Con certas fórmulas de humor fixas a atención do público, que aprende ciencia sen darse de conta"

Eva Cabanelas, mestra e doutora en Veterinaria, é, xunto con Andrea Muras, a creadora de Ciencia Calidade, un concurso de monólogos que pretende achegar a ciencia á poboación dun modo ameno e divertido. Cabanelas aborda o éxito da primeira edición deste certame, que decorreu este mes, e algúns aspectos a mellorar de cara ás vindeiras xa que, como ela di, “temos moito talento e unha investigación de calidade que debemos pór en valor”.
A mestra Eva Cabanelas (abaixo, segunda pola esquerda) na entrega de premios do certame. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A mestra Eva Cabanelas (abaixo, segunda pola esquerda) na entrega de premios do certame. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde Ciencia Calidade?
Hai un ano Andrea e eu estivemos convidadas a un directo en Twitch, na canle Ciencia e tal, para falar da nosa experiencia no Famelab, un certame de monólogos científicos da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt). A raíz diso comezamos a falar do ben que estaría facer algo así na Galiza, porque temos moito talento e unha investigación de calidade que debemos pór en valor. 

Comezamos a dar pequenos pasos buscando patrocinadores e contactando co Concello e a Deputación de Lugo, que apoiaron a iniciativa desde o primeiro momento e en abril lanzamos a convocatoria. Até o mes de setembro cando fechamos as inscricións estivo todo no aire porque non sabíamos a acollida que ía ter.

—O evento decorreu na primeira fin de semana deste mes, mais as entradas esgotáronse días antes.
Non esperabamos tal resposta. De feito, ao comezo non iamos controlar a capacidade do espazo porque contabamos con estar nós, as participantes e as súas familias. Con todo, persoas de InvestiGal, recomendáronnos controlalo e así o fixemos. É certo que a capacidade do Vello Cárcere de Lugo é pequena, 130 persoas, mais a xente chamaba e pasaba por alí pedindo entradas e mesmo quedou xente fóra. Por iso estamos moi satisfeitas: todas pasamos un bo rato e foi un soño feito realidade ver o auditorio tan cheo de ilusión. O xurado tiña que escoller os seus tres monólogos favoritos e tiñamos tamén unha votación do público a través de códigos QR. 

Ao final houbo unha ecuanimidade total e gañou David García, un rapaz de veterinaria que está facendo o doutoramento en parasitos xustamente onde o fixen eu. El levaba O mundo nunha bosta e falaba de todos os parasitos que se poden atopar examinando feces.

No segundo posto quedou Uxía Yáñez, veterinaria que falaba dos dispositivos tecnolóxicos utilizados nas granxas para saber o estado dos animais, e no terceiro, Antonio Cagide, biólogo que falaba da avespa velutina. Fixérono todas moi ben e notamos unha evolución importante desde a xornada de formación até o propio día do evento. 

—Que destacaría da xornada de formación?
Queríamos coñecernos. Para participar no concurso pedimos un vídeo dun minuto que resumira o seu monólogo e tamén para ver como se expresaban. Así, o día da formación fixemos dinámicas de presentación, ensaios para que elas se afixesen ao sitio e tamén explicamos un pouco de teoría sobre a construción dun monólogo científico e démoslles consellos para a posta en escena. 

Alén dos resultados, tamén estamos moi satisfeitas con ese grupo que creamos, porque outro dos nosos obxectivos era tamén facer unha rede de divulgadoras, unha canteira para que cada vez sexamos máis. Inspirámonos no Famelab e tamén noutras iniciativas como BCNSpiracy e Desgranando ciencia. Este é un formato que funciona porque é breve e porque utilizando certas fórmulas de humor fixas a atención do público, que acaba por aprender sen darse de conta.

—Que falta para que se incorporen máis persoas das ciencias sociais?
Aínda que abrimos a convocatoria a todas, é certo que botamos de menos perfís de carreiras técnicas como enxeñaría ou física e tamén de ciencias sociais, como psicoloxía, antropoloxía ou economía. Para as vindeiras citas queremos investigar os motivos que pode haber detrás, tirar tamén dos nosos contactos vinculados a estas áreas para difundilo e lograr unha maior participación. E non só para tocar máis áreas, que tamén, senón para polo en valor, porque moitas veces a xente só pensa nas ciencias experimentais e nos laboratorios, mais as ciencias sociais tamén fan investigación.

Comentarios