O coleccionábel á venda co xornal Nós Diario

'Nós Diario' emprende unha viaxe pola historia do escudo do Reino da Galiza

A memoria do Reino da Galiza continúa oculta. A expulsión da historia dos pobos libres como consecuencia dun proceso de conquista que se torna definitivo á volta do século XV provoca a condena ao ostracismo dun pasado que nos recoñece como parte dun pobo diferenciado é a exclusión duns símbolos de identidade que nos significan ao singularizarnos dos nosos iguais. Nós Diario aposta de maneira decidida por restaurar unha parte chave do pasado coa publicación da investigación de Héitor Picallo sobre o escudo do Reino da Galiza.

duplacapa
photo_camera Detalle das dúas primeiras capas do coleccionábel.

O próximo 1 de setembro arranca nas páxinas de Nós Diario unha viaxe pola historia dos escudos do Reino da Galiza. Ao longo de todo o mes de setembro, en 18 entregas recollidas nun coleccionábel de catro páxinas publicado de terzas a sextas feiras proponse un percorrido pola historia do escudo do país desde as súas primeiras representacións coñecidas, facendo parada nas diversas nacións onde fican pegadas do mesmo. Así, a investigación transita por diversos espazos da xeografía europea como Bélxica, Francia, Dinamarca, Austria ou Alemaña, ou da americana, con especial incidencia en Cuba ou na Arxentina.

O periplo está guiado por Héitor Picallo (Cuntis,1974), investigador, debuxante, ilustrador e autor dunha ampla bibliografía onde a cuestión histórica e patrimonial ocupan un lugar de relevo. Entre outras publicacións da súa colleita podemos sinalar Xohán Xesús González: Un precursor do soberanismo galego; Cuntis na época romana; No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos ou O escudo da Galiza, publicado en 2020 e onde adianta algunhas das teses que desenvolve no traballo que nas vindeiras datas van acoller as páxinas de Nós Diario.

Un escudo presente desde o século XIII

As primeiras versións coñecidas do escudo do Reino da Galiza datan dos anos finais do século XIII. Así no Segar´s Roll, un armorial -libros de armería con descrición de emblemas heráldicos- inglés elaborado arredor de 1282 aparecen recollidos 24 escudos reais, entre eles os de España, Navarra, Portugal, Aragón ou Galiza, representado “en campo azur, tres cálices de ouros ben ordenados”. Neste sentido, Héitor Picallo repara na ausencia de representacións do mesmo na documentación conservada no país dese período e das centurias seguintes, apuntando directamente á manipulación e ao borrado nalgunhas fontes de referencia da época, como acontece co Tombo B da Catedral de Santiago de Compostela.

A escasa presenza do escudo na Galiza contrasta coa súa grande proxección internacional. Héitor Picallo documenta mostras do mesmo á volta do século XV en diversos bens propiedade da familia dos Xunqueiras, conservados no Museo de Pontevedra ou na Pobra do Caramiñal e tamén na vivenda edificada na vila de Laxe por Urraca Moscoso de Castro. O século seguinte vólvense atopar noutros lugares do país, como a Porta de Carlos V en Viveiro, na casa denominada de Filipe II en Sarandós (Abegondo) ou na coruñesa porta de San Miguel.

O escudo tamén aparece de maneira diferente na Galiza e no estranxeiro. Así, mentres no noso país amósase incorporado ás armas do Reino de Castela desde o século XVI, en Europa figura só, situado en pé de igualdade con outras posesións territoriais do monarca. A explicación desta realidade apunta a motivos claramente políticos e informa sen ningún xénero de dúbidas sobre a natureza e a forma de incorporación da Galiza á coroa castelá.

Un escudo de orixe laica

Os motivos relixiosos non están presentes nas primeiras representacións do escudo galego. A respecto do cáliz, o deseñador Pepe Barro afirma que “os cálices medievais non son só obxectos litúrxicos, son pezas comúns nas mesas da nobreza –o resto da poboación bebía en cunca–, logo debo concluír que o primeiro escudo da Galiza é absolutamente laico”. Nesta liña, Heitor Picallo documenta que os primeiros escudos onde os cálices teñen unha significación relixiosa datan da década dos corenta do século XV, sinalando como exemplos o Armorial de Redinghoven de Múnic, o Armorial Bergshammar de Estocolmo e o Armorial Gymmich de 1445, conservado na Biblioteca Real de Bélxica.

As cruces non aparecen no escudo da Galiza até a segunda década do século XVI. Así, Héitor Picallo considera “moi significativo” que ao redor de 1520 comecen a ser visíbeis as primeiras representacións do brasón galego acompañado de cruces, coincidindo coa coroación como emperador e cabeza do sacro Imperio Romano Xermánico de Carlos V e o inicio da revolta de Martiño Lutero. As primeiras expresións desta nova versión do escudo galego atópanse na Carta Itineraria Europa de Martiño Waldseemuller, tamén coñecido como Mapa de Waldseemuller de 1520, no gravado de Jan van Nieulandt dese mesmo ano titulado Os seis fillos de Filipe “O Fermoso” e Xoana de Castela e no mapa sobre a Localización de todos os países alemáns e veciños de Georg Erlinger.

A nova versión do escudo galego aparece claramente asentada a medida que avanza o século XVI. O Licenciado Bartolomé Molina, na súa Descripción del Reyno de Galicia y de las casas notables del, imprimido en Mondoñedo á volta de 1550, sinala que “as armas do reino non fican sen conto/e saiban as xentes o seu ser e a súa arte/que xa que tratamos partes, e en parte/digamos a todo o seu escudo e cimento/que é hostia, e un cáliz, co seu acatamento/daquela vitoria do Reino Galego/que así por notoria a digo e alego/e máis por testemuña tan grande sacramento”.

A presenza internacional do escudo do Reino da Galiza

A importante presenza do noso escudo en Europa dá conta da dimensión internacional do Reino da Galiza. Se a cartografía árabe ou europea achega até o século XV unha Galiza diferenciada de España, denominación reservada durante a maior parte da Idade Media para referirse á área peninsular de hexemonía musulmá, a heráldica informa do relevo internacional da Galiza e da súa consideración como unha realidade que preserva aínda un carácter diferenciado nas posesións dos reis da casa de Austria.

A investigación de Héitor Picallo achéganos á realidade practicamente descoñecida do escudo galego no espazo europeo. Así, por exemplo, as armas do país están presentes no denominado Carro Triunfal de Maximiliano de Austria, unha obra elaborada en 1515 polo máis importante artista do renacemento alemán, Alberte Durero. Ao tempo, o máis destacado pintor dos Países Baixos, Jan van Roome, popularmente coñecido como Xoán de Bruxelas, elabora entre 1516 e 1521 un deseño para as vidreiras da catedral de Mechelen, en Flandres, onde aparecen representados os símbolos dos reinos dos Austria, entre eles a Galiza, naquela altura gran baluarte dos intereses de Carlos V na súa loita contra a nobreza castelá.

Picallo escruta os máis importantes armoriais europeos para ofrecer en Nós Diario unha visión completa do escudo. Neste sentido, vaise debruzando por diversas obras, desde o Armorial de Coislin-Seguier de 1450 até o manuscrito Beinecke de 1497, elaborado a instancias do asesor do emperador Maximiliano Jean Faucquet, onde sinala que “o Rei da Galiza leva de goles, sementado de trevos de ouro con rabo, un cáliz do mesmo metal”.

[As persoas subscritoras recibirán o coleccionábel xunto co Nós Diario de terzas feiras a sextas feiras. Se aínda non es subscritora ou subscritor, animámoste a facelo para contribuír a acrecentar un espazo galego socialmente responsábel de información diaria. Podes sumarte nesta ligazón. Tamén estará á venda nos quiosques e puntos habituais].

Comentarios