Cemento Musgo: un proxecto pioneiro na Galiza

Preséntase cun visualbum, unha "peza de arte audiovisual e conceptual" na que predominan sons densos e escuros a conformar ritmos hipnóticos cheos de ecos electrónicos.
O proxecto emprega imaxes alegóricas que reforzan as mensaxes.
photo_camera O proxecto emprega imaxes alegóricas que reforzan as mensaxes.

Cemento Musgo nace como a combinación das artes de Sokram, voz de Dios ke te Crew, ilustrador e muralista; do produtor parisino Coio, que corre coa parte musical do proxecto; e do artista visual A.L. Crego, pioneiro do gif art, que achega o aspecto gráfico.

O proxecto preséntase cun visualbum, unha "peza de arte audiovisual e conceptual" na que predominan sons densos e escuros a conformar ritmos hipnóticos cheos de ecos electrónicos. Esta combinación serve de base a letras nas que predominan mensaxes de crítica social cunha alta carga poética que abordan cuestións como a turistificación ("Green go home"), a problemática ambiental ou a exposición nas redes sociais.

Tons dark trap como os que "Racha o lapiz", o minimalismo experimental de "Colapso", toques Lo-fi en "Terra húmida" ou mesmo o metal-trap-hiphop de "Mascarada" amosan as diferentes facetas ás que se achega o proxecto no ámbito sonoro. Na imaxe, nubes de puntos combínanse ao ritmo da música en imaxes alegóricas con fondos escuros que xeran desacougo e reforzan as mensaxes". 

 

"A medio camiño entre o urbano e o rural"

A presentación do proxecto declara que "Cemento Musgo crece en lugares húmidos e escuros, a medio camiño entre o urbano e o rural, a miúdo ao redor de ruinas postindustriais reconquistadas pola vexetación, ou tamén ao longo de canais subterráneos atravesados por correntes de auga turbia e fría, como as do ordense río Cabrón. Aliméntase de sons orgánicos e profundos subgraves 808, secuenciados a través de complexos patróns rítmicos. Fala un idioma antigo emitindo mensaxes universais a longas distancias en forma de métricas densas e poéticas disertacións que aluden a temáticas diversas como o ecoloxismo, as relacións humanas, o amor e o odio, a industria musical, a alienación tecnolóxica e o colapso medioambiental".

O álbum foi gravado, mesturado e masterizado por Møu, de Dios ke te Crew, en Rapapoulo Estudio.

 

Comentarios