Contracultura

Leticia Barbadillo: "Escribindo pago unha débeda, poño en valor o pasado que desaparece cos nosos maiores"

Leticia Barbadillo, mestra de educación infantil, é a autora de A botella de lentellas, a obra galardoada co Premio Merlín de Literatura Infantil de Xerais. Nela, Manuel, o neno protagonista, intentará facer as orellas de Entroido que preparaba a súa avoa e, tras un incidente, comezará a imaxinar as historias que ela xa non lle pode contar.
A botella de lentellas é a primeira obra de Leticia Barbadillo (Foto: Nós Diario).
photo_camera A botella de lentellas é a primeira obra de Leticia Barbadillo (Foto: Nós Diario).

—Sendo a súa primeira obra, como se tomou recibir este premio?
Foi un pouco como cando saquei a oposición: nun primeiro momento o recibes como se fose unha boa noticia, evidentemente, mais non como algo tan espectacular como efectivamente é. Digamos que é algo que ves que te queda tan grande que o recibes como se fose o máis natural do mundo. Para min era un pouco incríbel porque xa, ao saber que quedara finalista, me dera por satisfeita. A miña única intención era publicar e con iso xa podía conseguilo. 

Xa levaba tempo intentando publicar uns textos de álbum ilustrado para crianzas máis pequenas, mais este é un formato que require dun investimento moi grande por parte das editoriais. A verdade, eu nunca pensara en escribir algo máis longo, pero fun vendo que podía seguir esta estrutura de escribir contos que estiveran metidos nunha historia marco. Dándolle voltas a isto, un día na casa facendo orellas e estirando a masa cunha botella de lentellas ocorréuseme pensar a que montaría se a botella rompía. A partir de aí e coa escusa final, porque estaba preparando as oposicións de infantil e buscaba unha ferramenta para pór en valor o erro, empecei a pensar nas historias que poderían ter que ver en algo con lentellas e que puidesen estar contidas nesa botella. 

Paralelamente fun recollendo historias que tiñan que ver con lentellas. Miña nai sempre conta que unha das miñas irmás estivo xogando con lentellas un día e algunha acabou agromando no raíl das fiestras e noutros sitios insospeitados.

Outro día souben que cando a miña avoa casara e marchara para A Coruña ía moito a unha tenda. A muller que a atendía un día comentoulle que lle chamaba a atención que sempre mercaba cousas a bo prezo e con cabeza, mais que nunca levaba lentellas, co boas que eran. Así, miña avoa comentoulle que ela non sabía cociñalas e eu descubrín que na miña casa comíanse as lentellas como as facía a señora da tenda, coa súa receita. 

—Todo este proceso de escrita está moi ligado a esa posta en valor dos relatos que fai no libro, así como do diálogo interxeracional
Efectivamente. Miña avoa está viva, ten agora mesmo 91 anos, mais a historia si que sae moito da conciencia de que non lle queda moita vida e que hai moitas cousas que van morrer con ela. Que hai cousas da súa vida e da súa historia que non imos saber. Tamén é a necesidade de pagar esa débeda, aínda que sexa inventando, pór en valor todo ese pasado que desaparece cos nosos maiores. 

Unha vez que estaba escribindo e que era consciente de que ía incluír cousas que pertencen á historia familiar, comecei tamén a incluír nos nomes das personaxes referencias á miña familia. De feito, nas historias que aparecen no libro hai detalles que creo que non eran necesarios, mais que funcionan a modo de homenaxe a esas historias que perdemos, por unha parte, mais que tamén reinventamos. Miña avoa agora mesmo, aínda que lle funcione moi ben a cabeza, non me vai contar toda a súa vida día por día, entón co que temos, construímos. Para min esa é a esencia da historia: sei un pouco e hai cousas que sei que están perdidas, así que constrúo unha nova historia que me serva.

—Tivo a oportunidade de ler estas historias con crianzas antes de presentala ao premio de Xerais?
Lina cos meus fillos e o ano pasado puiden ler un dos contos no seu colexio. Convidáranos as familias a ir contar e o meu fillo pediume que contara unha das historias deste libro dicíndome que seguro que lles gustaba aos seus compañeiros. E a verdade que a recepción foi alucinante, estaban hipnotizados. Para min foi unha sorpresa moi agradábel e a confirmación de que estaba creando un universo máis interesante do que eu pensaba. 

Comentarios