EmigraSon celebra a súa segunda edición en Bruxelas

O cartel inclúe Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants. 
Familia Caamagno foi un dos grupos invitados na primeira edición de EmigraSon.
photo_camera Familia Caamagno foi un dos grupos invitados na primeira edición de EmigraSon.

A mocidade da diáspora galega en Bruxelas celebra esta fin de semana a segunda edición do festival EmigraSon, cunha representación da escena musical galega que inclúe Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants. 

O programa abriuse onte cunha actuación do dúo Aldaolado no Instituto Cervantes, e cunha foliada coa formación Alumea no local do Colectivo García Lorca. A partir das 16.30 de hoxe comezará o festival musical no local bruxelense La Tricoterie. 

 

Iniciativa autoxestionada

EmigraSons busca "achegar a Galiza a súa cidade e crear un lugar de encontro para a mocidade galega no estranxeiro". Iniciativa autoxestionada por un grupo de xente nova da diáspora, o festival conta este ano co apoio da Xunta da Galiza, das empresas Deleite e Rei Zentolo, que se suman nesta segunda edición aos apoios do Parlamento Europeo e nomeadamente dos eurodeputados Nicolás Casares (PSOE) e Ana Miranda (BNG). 

O festival serve tamén de marco á celebración do Iº Foro de Investigadores Galegos no Estranxeiro, organizado pola Rede Galega pola Investigación, InvestiGal, que reúne a ducias de investigadores galegos que traballan en países diversos.   

 

Comentarios