O festival EmigraSon encherá Bruxelas de creación galega

Familia Caamagno, Fillas de Casandra, Berto eThe Rapants encabezan o cartel do festival destinado á mocidade que traballa en Bruxelas.

Berto será un dos artistas que actuará en Bruxelas.
photo_camera Berto será un dos artistas que actuará en Bruxelas.

O festival EmigraSon, que celebrará a súa primeira edición en Bruxelas os días 24 e 25 de marzo, anunciou esta segunda feira a súa programación completa, que conta con seis bandas, unha formación de foliada e un grupo de narración oral e música.

Esta iniciativa, organizada por un grupo de mozos e mozas da Galiza emigrados e que conta co apoio do Parlamento Europeo, dará comezo cun encontro pechado ao público cos eurodeputados Nicolás Casares e Ana Miranda. Esta xuntanza busca ser "unha oportunidade para falar de cultura, mocidade e emigración". 

A xornada do día 24 acollerá no Instituto Cervantes un espectáculo de oralidade e música da man de Benxamín Otero e Celso Fernández, que representarán No tempo dun café. O día terminará cunha foliada de Xirandola, que levará a cabo no bar Kamea. 

Familia Caamagno, The Rapants, Fillas de Cassandra, Berto, Lemon Pears e Filloas son o seis grupos que tocarán o sábado 25 de marzo no escenario da sala Embassy, na capital europea.

 

Difusión da galeguidade

Ademais, o festival conta coa axuda da asociación belga Couto Mixto, que reúne a unha boa parte do colectivo emigrante da Galiza e que leva anos comprometida coa difusión da realidade cultural galega en Bruxelas. 

Casares considera o festival como unha oportunidade para colaborar coa difusión da "galeguidade" en Bruxelas. "Agradecer aos promotores, xente nova da Galiza que non se esquece dela, a oportunidade de colaborar e a todos e todas as artistas que van vir á capital europea. Imos estar a altura", declarou. 

Ana Miranda, pola súa parte, considera EmigraSon unha cita importante: “Contribúe a visualizar que hai unha parte da poboación galega que vive en Bruxelas e que quere formar parte da vida cultural galega e, por outra banda, o festival tamén contribúe a que a xente se sinta desde Galiza coa nosa cultura, neste caso, coa música galega. Estamos convencidas de que será un éxito". 

Comentarios