+Galaxia, a nova sede virtual da editorial Galaxia

Aposta por un espazo de comunicación distinto ao das redes sociais e ofrece ferramentas para acceder ao catálogo histórico da editorial.
Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Galaxia, intervén no acto do día 1 de marzo.
photo_camera Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Galaxia, intervén no acto do día 1 de marzo.

A editorial Galaxia presentou esta sexta feira , nun acto na Cidade da Cultura da Galiza, a súa nova ferramenta dixital, a sede virtual da editorial, nomeada como +Galaxia, que segundo os seus responsables pretende ser "a de sempre pero máis perto que nunca". Segundo afirmou Xosé Manuel Soutullo, a sede virtual e plataforma terá un papel relevante na celebración do 75 aniversario da editorial a celebrar o vindeiro ano 2025.

No acto participaron Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; Xosé M. Soutullo, director xeral; Alba Gil, responsable de Innovación; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración, e a través de vídeos ou conexións en directos diferentes autoras e autores da casa, como Antón Riveiro Coello, Marilar Aleixandre, Raquel Castro e Xavier Alcalá.

 

Con este proxecto, Galaxia aposta por un espazo de comunicación entre lectores e autores distinto ao das redes sociais e anima a fornecelo con materiais propios e crear espazos propios por parte dos creadores.

A nova sede virtual ofrece tamén un importante acceso ao catálogo histórico de Galaxia, ofrecendo, nunha fase inicial, a posibilidade de consulta dos índices da revista Grial coa posibilidade de facer buscas sobre eles e acceder ao completo a todos os números publicada até hai dous anos.

Estas posibilidades estenderanse posteriormente con outras publicación periódicas como o Anuario de Estudos Literarios Galegos e a Revista de Economía de Galicia.

Ademais, ofrécese a posibilidade de impresión baixo demanda, que permitirá recuperar e adquirir títulos descatalogados e outros que só serán accesíbeis por esta vía.

 

Comentarios