Cultura

As editoras seguen coa actividade sen facturar

O mundo do libro tamén acusou o duro golpe de cancelación de eventos, así como o peche dos seus principais puntos de venda. Nestas circunstancias de excepcionalidade, as prioridades pasan por manter a actividade e tratar de voltar á normalidade o antes posíbel, apostando durante o impasse polo reforzo das estratexias de redes ou contidos dixitais, que, con todo, non xeran unha remuneración capaz de paliar as perdas previstas.
IMG_0693
photo_camera A industrial editorial acusa o golpe do coronavirus.

Unha das repercusións máis evidentes para o sector editorial atópase, como no resto de actividades económicas, no mantemento do traballo a distancia. A xestión organizativa das novas dinámicas laborais é o que absorbe neste momento a Xerais, segundo nos conta o seu director, Francisco Alonso.

"No noso caso é moi difícil, porque empregamos ferramentas técnicas moi complexas", explica, mais moitas das empregadas non dispoñen das conexións á rede adaptadas ás necesidades dos programas e contidos que manexan. "As dificultades técnicas obrígannos a cambiar plans", confesa Alonso, "a adiantar unhas datas e adiar outras". A adaptación ás circunstancias está a ser o que define estas xeiras.

"Malia que se nos permite traballar, non podemos facturar", explica con claridade e contundencia Francisco Castro, director de Galaxia

"Malia que se nos permite traballar, non podemos facturar", explica con claridade e contundencia Francisco Castro, director de Galaxia. As dúas principais fontes de ingresos da industria, librarías e centros de ensino, permanecen pechadas. Así as cousas, "só temos gastos", recalca.

As máis prexudicadas

Xosé Ballesteros, director de Kalandraka e presidente da Asociación Galega de Editores, contempla tamén con desacougo a situación das 40 socias desta última entidade, das que moitas son microempresas que enfrontarán a crise con maiores dificultades.

Porén, para alén das propias editoras, Ballesteros insiste na situación de persoas que as arrodean traballando como autónomas en diversos labores, desde corrección até maquetación, para as que se xeran dúbidas entre a parálise da actividade, acolléndose ás axudas do Estado, ou continuar con ela para evitar repercutir negativamente noutras empresas que si seguen en marcha. Son problemas que terán que abordar nos próximos días, nesta situación insólita e inesperada.

Desde Galaxia, observan os acontecementos con "moita preocupación", afirma Castro. "Mentres vemos que se promoven medidas urxentes para paliar o efecto económico, ningunha delas vai dedicada ao sector cultural", denuncia, cando o Produto Interior Bruto xerado por este eido ronda o 2,4%, tal e como reivindicaba hai uns días a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

"As dificultades técnicas obrígannos a cambiar plans", confesa Alonso, "a adiantar unhas datas e adiar outras".

Paradoxalmente, están tendo especial repercusión "agora que estamos confinados", opina Castro, os esforzos de cantantes ou cineastas por partillar as súas obras. "A cultura é moi importante, menos cando se trata de considerala desde unha perspectiva industrial", reivindica o escritor, aludindo ao total esquecemento administrativo dun sector para o que se calculan perdas abisais

"Isto é unha industria", insiste tamén Ballesteros, confirmando que vai atravesar unha "situación crítica nas próximas semanas ou meses". Con todo, o director de Kalandraka chama a "non caer en que as axudas van ser a panacea", pois o horizonte é conter a "hemorraxia económica", voltar canto antes á normalidade. 

O dixital, anecdótico

Xerais revela que, desde a comunicación, apostarán en desenvolver unha estratexia de redes que, polo momento, aínda están "comezando a deseñar". Laiovento, que ofrece todo o seu catálogo en liña, tamén apunta que poden reforzar as redes sociais, pero o seu responsábel, Afonso Ribas, insiste en que "non é ese o lugar idóneo para vender libros".

Igualmente, desde Galaxia puxarán por "incentivar a venda online", procurando manter un mínimo de actividade. Porén, esta porcentaxe, segundo revelan as estatísticas estatais da venda dixital ás que Castro nos remite, "non chega ao 4% da facturación total do sector, incluíndo os grandes grupos". A marxe aquí é, se cabe, máis cativa. "As vendas a nivel dixital no libro galego son anecdóticas", coincide co resto de persoas consultadas Ballesteros.

"As vendas a nivel dixital no libro galego son anecdóticas", coincide co resto de persoas consultadas Ballesteros

Se cadra Kalandraka foi a máis rápida en ofrecer unha reposta online. Desde a pasada segunda feira comezaron a alimentar de contidos a canle Kalandraka TV, con "contos contados" para amenizar a reclusión das máis pequenas. É unha aposta en "acompañar as persoas" durante o confinamento, explica Ballesteros, encargado de narrar a primeira destas achegas, mais trátase de "contido en aberto" que non vai xerar remuneración de ningún tipo. Doutra banda, a campaña que a Asociación Galega de Editoras tiña preparada de animación á lectura, "Mergúllate, le en galego", terá que saír en dixital

Cumprir os prazos

"Un dos nosos principais problemas é o libro educativo", explica Alonso. Este tipo de publicacións teñen que estar listas nuns prazos determinados, que nestes momentos se atopan nese limbo difuso e imprevisíbel que depende do desenvolvemento da situación e da recuperación da actividade docente. "Se se ralentiza o noso ritmo de traballo, se non damos cumprido cos nosos plans, é posíbel que non cheguemos a tempo", advirte.

Por iso a prioridade nestes tempos de urxencia é manter a maquinaria funcionando, coa vista posta en analizar durante os próximos días a estratexia de venda ou as vías de recuperación. Ballesteros considera que, a nivel xeral, vai afectar máis a outros eidos da industria. En todo caso, obriga a reformular os plans editoriais. "Traballamos cun ano de anticipación", explica, unha previsión coa que é difícil xogar na situación actual de incerteza.

Volta á normalidade

Os esforzos, en xeral, céntranse en manter a actividade "o máis próxima á normalidade posíbel", confirma Alonso. Castro tamén chama a atención sobre a necesidade de "avanzar na produción" para estar listos cando a emerxencia sanitaria remate. Trátase de que "os custos e o golpe sexan o máis levadeiros posíbeis", entende Ballesteros.

Na saída deste "proceso de hibernación", preocúpalle especialmente ao último a situación das librarías, que ficarán moi danadas. Por iso, chama á unidade e solidariedade. A Gala do Libro Galego, que quedará posposta até finais de ano, vai apuntar a "unir forzas" dentro do sector para facer fronte á crise que se aveciña.

Comentarios