martes 31.03.2020
Cultura

O sector cultural exixe medidas específicas ante o impacto do coronavirus

As profesionais da xestión cultural, preocupadas fronte á incerteza
 

Tanxugueiras é un dos grupos que viu aprazados os seus próximos concertos en Vilalba e Monterroso.
Tanxugueiras é un dos grupos que viu aprazados os seus próximos concertos en Vilalba e Monterroso.

O dioivo de cancelacións de eventos e peches de espazos públicos como consecuencia das medidas de prevención da COVID-19 afectan radicalmente ao sector cultural, que se sente asolado pola incerteza e a falta de información. A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural vén de emitir un comunicado no que sinala que todo isto está provocando grandes perdas económicas no seu eido. Neste senso, fan fincapé en que as Industrias Culturais e Creativas son un fragmento estratéxico que supón arredor de 2,4% do Produto Interior Bruto a nivel estatal, achegando o 3,8% do emprego en 2018.

As suspensións de eventos non afectan unicamente a artistas, senón a todas as empresas e persoas relacionadas co sector, desde produción e deseño até montaxes de escenarios. Ademais, como lembra a xestora cultural Belén Bermejo, trátase dun eido no que se traballa sempre con moita previsión e coa vista posta constantemente no futuro, unha anticipación que se ve condicionada pola incerteza de canto tempo durará esta situación, dificultando enormemente o traballo. "Hai moitas cousas que simplemente non se poden adiar: pasou o día pasou a romaría", explica Bermejo.

Por outra banda, cómpre lembrar a precariedade que caracteriza o emprego nun ámbito económico no que boa parte do traballo é autónomo ou de pequenas empresas, que se ven totalmente desprotexidas ante as perdas que a suspensión de actividades vai provocar. Como sinala Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, a profesión divídese fundamentalmente entre emprego público -que está a traballar coas institucións fechas-, e iniciativa privada, a que de seguro se verá moi afectada. En canto aos autónomos, "traballan por bolos e non van cobrar", afirma. Por todos estes condicionantes trátase dun sector especialmente fráxil e "moi sensíbel á crise", denuncia Portela, no que as consecuencias se van notar con intensidade. 

Unidade fronte á incerteza

Por iso, a súa intención pasa por consensuar medidas e partidas de apoio específico que permitan  minimizar os danos. Bermejo observa en especial a necesidade de información: "Precisamos aclarar certas dúbidas que a todas nos pasan pola cabeza, para ter claro como nos afecta". Hai que prever como lles pode afectar e facer presión en colectivo, pois "outros eidos terán máis forza".

Nesta mesma liña, Portela sinala que desde a Asociación de Profesionais da Xestión Cultural están xa a promover o contacto con outras asociacións profesionais para elaborar un comunicado conxunto, consensuando as principais peticións ao respecto. Neste senso, pretenden dirixirse á Xunta da Galiza para exixir aquelas medidas nas que teña competencia ou para solicitar o seu apoio de cara a facer presión a nivel estatal.

As medidas reclamadas son principalmente paliativas, como se ten valorado a nivel estatal para sectores como o turismo, transporte ou hostelaría. Bermejo apunta ademais a observar o que se está a facer noutros lugares de Europa, así como á creación dun fondo de emerxencia ou de mesas de diálogo que permitan a adopción de decisións consensuadas para as representantes de cada sector. 

comentarios