Editan a obra poética completa publicada de Darío Xohán Cabana
A obra poética completa de Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 - Romeán, 2021) iniciou esta terza feira a súa andaina pública coa presentación en Lugo dun primeiro volume que recompila as quince obras publicados desde Verbas a un irmao (1970) até Cabalgada na brétema (2006). A publicación, baixo o nome de Semente de mencer (Editorial Alvarellos, 2025), é unha edición que incorpora un estudo e notas a cargo do escritor e estudoso da literatura galega, Anxo Angueira.
"Para min Darío foi un escritor total", explica o tamén presidente da Fundación Rosalía de Castro. Precisamente nesa institución tivo lugar en 2022 unha homenaxe ao poeta co mesmo nome que ten a nova publicación. "Dedicouse tamén á narrativa, incluso á literatura de protagonismo moi xuvenil e infantil sen esquecer o mundo da tradución cunha obra inmensa, mais eu creo que el, evidentemente, era poeta", asegura.
Angueira lembra que o propio Darío Xoán Cabana fixera unha recollida en 20 cadernos da súa obra poética, rescatando boa parte dos textos que agora se publican. Tamén a Fundación Rosalía de Castro sacou do prelo unha edición facsímile de Mortos porque Galicia viva (1974), con textos dedicados a Roi Xordo, Alexandre Bóveda, Daniel Castelao e máis a Daniel Niebla e Amador Rei.
Porén nesta edición aparecen todo os libros, mesmo os primeiros que na actualidade están fóra de catálogo e non se atopan nas librarías. O labor de Angueira foi, daquela, “dar certo rigor á recolla atendendo tamén a data de publicación”.
Percorrido vital
No estudo introdutorio desta edición, Angueira traza un percorrido por toda a obra poética do escritor de Roás, a parroquia de Cospeito situada na súa querida Terra Chá. “Foi, e é, unha das grandes voces da poesía contemporánea. Unha voz, ademais, orixinal”, entende o investigador. “Dialoga con seus mestres, como Manuel María ou Xosé Luís Méndez Ferrín, dos que interpreta non só a palabra senón tamén o ser humano e a política”, agrega.
Porén, Angueira salienta que a súa poesía vai máis alá dese diálogo “constante” cos seus mestres. “Ten unha voz propia que está dentro da poesía da súa xeración, do que foi a poesía dos 80”, asegura. Neste sentido pon como exemplo que no seu tempo había moitos poetas que se dedicaron a facer sonetos “mais os de Darío dialogan coa matriz europea que é Petrarca”.
Material inédito
Na presentación en Lugo, alén do editor, Henrique Alvarellos, tamén participou Alexandra Cabana, historiadora e filla do poeta. Esta última, en declaracións a Nós Diario, sinala o “importante traballo” que realizou a súa nai, Amelia Outeiro, para manter vivo o legado do poeta e o "seu amor pola lingua" que, nun segundo volume, “reunirá algún poema inédito xunto con todas colaboracións que realizou en iniciativas varias, como por exemplo no eido musical”.
Cabana pon en valor, ademais, a recuperación e actualización "de obras que xa non están no mercado" así como o cotexo que realizou Amelia Outeiro con Anxo Angueira para realizar o estudo e publicar as notas. "Recollemos toda a obra que o meu pai conservaba nun arquivo no seu ordenador, ademais acompañada de anotacións que aclaran cando se fixeran os poemas, a razón de facelos ou mesmo o lugar no que foron escritos", resume Alexandra Cabana.

