A Real Academia Galega celebrou o Día da Poesía con versos de Darío Xohán Cabana

Familiares e amizades do mundo da cultura recitaron os seus poemas. 
A RAG rendeu homenaxe a Darío Xohán Cabana co gallo do Día Mundial da Poesía. (Foto: RAG)
photo_camera A RAG rendeu homenaxe a Darío Xohán Cabana co gallo do Día Mundial da Poesía. (Foto: RAG)

“Hai literatura que se le coma quen bebe un vaso de auga, e outra prá que cómpre ter dentes afiados e moas resistentes, e remoer cada palabra, cada frase. Literatura á que lle tiramos zume e alimento. O Darío era iso. Auga e viño, pan e queixo. Alimento da alma e do corpo pra nosoutros”. A homenaxe a Darío Xohán Cabana (1952-2021) que a Real Academia Galega (RAG) celebrou onte rematou coa emotiva lembranza da súa propia filla. Alexandra Cabana Outeiro púxolle o ramo á celebración do Día da Poesía na honra de quen foi “fonte inesgotábel de palabras” recitando “You Shall Overcome”, “un canto de amor e resistencia” para o proletariado, os vellos, a lingua e os nenos e nenas como a súa neta, “que son futuro de habermos futuro”, dixo. 

A poesía de Darío “aliméntase da terra no seu sentido máis auténtico”, compartiu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nun acto que avanzou con versos do autor de Roás (Cospeito) e outros recordos compartidos por amizades do mundo da cultura. A terra foi sempre parte esencial dese “orgullo dunha estirpe de labradores e artesáns” que o escritor adoitaba proclamar como materia da súa obra, lembrou a súa amiga e secretaria da RAG, Margarita Ledo, na loanza que escribiu para a ocasión.

Un orgullo que “latexa tamén na teimosía do tradutor que anosou Dante, Petrarca, os trobadores da Occitania, Diderot...”, engade no texto, que pode lerse na plaquette titulada precisamente Estirpe de labradores, dispoñíbel en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. O volume reúne todos os versos do autor que se recitaron onte na Fundación Luis Seoane e as demais palabras dedicadas a Darío Xohán Cabana que tamén se escoitaron no acto.

A homenaxe organizada pola Sección de Literatura da RAG contou tamén coas intervencións das académicas Chus Pato e Marilar Aleixandre, e de Xoán Ramiro Cuba, Pepe Barro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo e Anxo Angueira no recitado de versos. Interveu ademais a tradutora María Alonso Seisdedos, que retratou o Darío Xohán Cabana que trouxo ao galego grandes clásicos, un labor no que sobresae a “excelsa versión” que deixou da Divina comedia de Dante. “Canto máis a consulto, máis aumenta a miña admiración polo dominio e a arte coa que desempeñou o oficio que compartimos”, confesou.

A parte musical achegouna o poeta e músico lugués Lois Pérez, que interpretou os poemas “Cantiga de amigo pra facer o camiño”, “Vocabulario chairego” e “Pedras de gozo”. 

Comentarios