[VÍDEO] Os cruceiros, as "testemuñas silenciosas" do paso do tempo: esta é a súa orixe

O documental As testemuñas silenciosas, unha iniciativa de Arturo Ferreiro Herves, afonda na historia dos cruceiros na Galiza.
Os cruceiros son elementos cun forte arraigamento por todo o país. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os cruceiros son elementos cun forte arraigamento por todo o país. (Foto: Nós Diario)

Cal é a orixe dos cruceiros? Esa é a pregunta que diferentes persoeiros especializados na historia, a antropoloxía e o sector cultural tentan buscar resposta a través do documental As testemuñas silenciosas, unha iniciativa de Arturo Ferreiro Herves realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-22, convocado pola secretaría xeral de Política Lingüística.

Nesta peza audiovisual, de perto dunha hora de duración, as persoas expertas afondan nos estudos de Castelao ou Manuel Murguía a respecto deste elemento tan típico e con tanta presenza por todo o territorio galego, facendo un pequeno percorrido polos cruceiros máis representativos do país.

"Non xurdiron da noite á mañá. Primeiramente aproveitaron mesmo miliarios e reconvertíronos en cruceiros facéndolles unha cruz. E logo chegaron as cruces, que non son o mesmo, pois un cruceiro é unha cruz situada sobre un varal, para que se vise máis ou para que os cans non as ouriñasen", apunta o investigador e escritor Estanislao Fernández.

A súa orixe situaríase arredor do século XIV, nomeadamente contra o ano 1346, "como unha reacción á peste que invadiu todo o mundo e tamén á Galiza". "Por iso os primeiros cruceiros que achamos están no Camiño de Santiago e a costa atlántica, onde se situaban os principais portos", precisa Fernando Arribas, antropólogo e escritor.

"Había o costume de que, cando morría unha persoa, ao acabar o límite da súa aldea, nun castiñeiro ou carballo puñan unha cruz. Era a despedida do defunto da súa aldea, e fíxose até os anos 60 ou 70, cando se foron abrindo as estradas e empezaron as comitivas fúnebres en coche. Aí acabou ese costume, e os veciños retiraron as cruces dos carballos", apunta Clodio González, historiador e etnógrafo.

Castelao, a primeira persoa en estudar cientificamente os cruceiros, estabelecía catro ideas da súa posíbel orixe: a cristianización de lugares de culto pagán e a influencia do Camiño, das ordes mendicantes e de San Vicente Ferrer, un persoeiro documentado como "sementador de cruceiros" na Galiza medieval, lembra Fernando Arribas.

A expansión, insiste o experto, produciuse por dous factores: relixioso e económico. O primeiro ten a ver, fundamentalmente, co Concilio de Trento, que promoveu o culto á cruz e as indulxencias, "e a xente empezou a erguer cruceiros". O segundo refírese á chegada do millo á Galiza, "que produce excedentes que permiten a certos sectores económicos dispor dunhas rendas que podían investir na salvación das súas almas".

Comentarios