Compostela acolle unha mostra sobre as cruces de pedra na Bretaña e na Galiza

A mostra inaugurada en Compostela A Bretaña que hai en nós afonda na relación xa analizada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao entre a Galiza e a Bretaña a través dos cruceiros.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao diante dunha das cruces de pedra na Bretaña, nunha imaxe coloreada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Daniel Rodríguez Castelao diante dunha das cruces de pedra na Bretaña, nunha imaxe coloreada. (Foto: Nós Diario)

"Non se podería falar dos nosos cruceiros sen ter visitado primeiramente a Bretaña, e alá fun", escribía Castelao no seu libro As cruces de pedra na Bretaña (1930). A conexión entre a Galiza e a Bretaña constátase de moitas maneiras, culturalmente, musicalmente ou mesmo do eido do patrimonio tradicional.

É por iso que a Agrupación Cultural O Galo, de Santiago, e a Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada, organizaron unha exposición en Compostela que leva por título A Bretaña que hai en nós. Inaugurouse a comezos deste mes e permanecerá aberta até o 12 de novembro. Nela pódense observar imaxes e afondar na viaxe que Castelao fixo á Bretaña xunto coa súa muller, Virxinia Pereira, após a morte do seu fillo, unha viaxe que, segundo Castelao, lles serviu para tentar esquecer tanta dor que sentían.

A exposición explora o patrimonio tradicional bretón a través das súas cruces de pedra, os coñecidos como 'cruceiros' que tan típicos son tamén na Galiza.

Cruceiros bretóns e galegos

Na mostra, analízase unha cuestión en que xa reparara Castelao na súa viaxe á Bretaña. Era o ano 1929 e o escritor de Rianxo viaxaba coa súa compañeira de vida por diferentes partes da Bretaña para estudar a conexión dos dous países a través dos cruceiros.

A este respecto, Castelao escribía o seguinte: "Se reparamos na semellanza case absoluta dos cruceiros galegos cos da Bretaña, se lembramos as longas relacións marítimas e comerciais dos dous Fisterres, se nos decatamos de que a súa maior densidade corresponde ao litoral, e se non é o camiño das peregrinaxes onde aparecen os novos tipos de cruz, podemos crer que viñeron polo mar".

Non obstante, Castelao si que rexistrou certas e notábeis diferenzas entre os cruceiros de ambos territorios: "Os bretóns dramatizan máis que os galegos, como pode deducirse a miúdo nos detalles iconográficos dos cruceiros; o sangue aparece xurdindo por todas as chagas en chorros retortos que deitan nos cálices e algunha vez a chaga do costado é un vulto de pedra representando a saída do sangue".

Árbores de pedra

"As cruces de Irlanda, os Calvarios de Bretaña e os cruceiros de Galiza, son árbores de pedra. Pódese dicir que as cruces dos Fisterres naceron do imperativo do seu chan. Os cruceiros teñen as raíces moi debaixo da tona da terra podre que cría cousas bonitas que duran pouco", finalizaba Castelao a súa análise en As cruces de pedra na Bretaña. Aliás, nesta obra o autor repara na cristianización dos menhires e dolmens que foron "trocados en soportes da cruz", ao igual que "o lume acceso en honra do sol foi trocado en lume de San Xoán".

Comentarios