martes 11/08/20

O Diario Cultural da RG gaña o Premio do Público Culturgal 2014

O Diario Cultural da Radio Galega, dirixido pola xornalista e escritora Ana Romaní gaña o Premio do Público do Culturgal, impóndose ás candidaturas de Viñetas desde o Atlántico e Cineuropa. 

Diario Cultural
Diario Cultural

Desde a temporada 1990-1991, o Diario Cultura da Radio Galega, dirixido desde o seu inicio pola xornalista e escritora Ana Romaní converteuse en referente imprescindíbel de información natural e agora o público do Culturgal premia a súa traxectoria outorgándolle a segunda edición do seu premio. 

Con case cen votos de diferencia con respecto a seguinte candidatura, o Diario Cultural impúxose diante de iniciativas consolidadas e de amplas traxectorias como Cineuropa dirixido por José Luís Losa o o Salón Internacional do Cómic, Viñetas desde o Atlántico con Miguelanxo Prado á fronte. O Diario Cultural continúa en antena todos os días de 15 a 16 horas cunha oferta de entrevistas, información reportaxes e mesmo espazos de creación nas ondas como o actual sonigramas. O programa de Ana Romaní conta tamén con especialistas de distintos ámbitos da cultura, ofrecendo crítica e información das novidades producidas en diversos lugares do mundo de especial relevancia para a nosa cultura. 

Creación nas ondas 

Do Diario Cultural naceu o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico que conta xa con sete volumes con 25 obras inéditas e as súas adaptacións radiofónicas ou o volume Narradio 56 historias no ar (de. Xerais), relatos escritos para a súa emisión radiofónica no programa e que foron logo publicados como audiolibro. Nos vindeiros meses sairá tamén o volume De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI, que publicará a Fundación Rosalía coa antoloxía de poemas emitidos tamén no espazo radiofónico para conmemorar o aniversario da publicación do libro da poeta. 

O Diario Cultural recibirá o diploma acreditativo no marco do Culturgal, nun acto que se desenvolverá o domingo 7 de decembro ás 17 horas. O premio sumarase a outros recibidos nestes anos de emisión como o de xornalismo cultural da AELG concedido a súa directora Ana Romaní, que está á fronte do programa desde os seus inicios, sendo un indiscutíble referente de información cultural. No Diario Cultural traballaron tamén escritores e xornalistas como Begoña Caamaño o Anxo Quintela e na actualidade a poeta Xiana Arias. 

comentarios