A Deputación da Coruña abre unhas xornadas de deseño e alimentación
O mellor do deseño galego sobre produtos alimentarios citarase os días 13 e 14 de xuño na sede da Fundación Luís Seoane coruñesa polas xornadas Do deseño tamén se come, unha proposta do departamento de Cultura da Deputación ao abeiro do novo premio Luís Seoane de Deseño, que nos próximos días dará a coñecer o seu primeiro gañador.
O comisario do certame, Pepe Barro, coordina un encontro aberto ao público, estudantes e profesionais, que terán a oportunidade de achegarse ao traballo de Guillotina Estudo, Cenlitros, Desoños, Uqui Permui, Imaxe, Studio Teiga, Costa, Elga Lamas e Rebeca Ces, entre outros estudos. Falarán da identidade gráfica dos produtos que deseñan: as galletas Maruxas de nata, a cervexa Estrella Galicia, os ovos do Pazo de Vilane, o Queique de Ordes, a empanada Millo Verde ou o queixo Cortes de Muar.
O programa inclúe dúas clases maxistrais: a do catalán Àlex Gobern, actual presidente da ADG-FAD, que conta con 25 anos de experiencia traballando para marcas relevantes, e a de Eduardo Aires, o máis recoñecido dos deseñadores portugueses. Tamén compartirán experiencias, en conversas con Barro, Nuria Varela-Portas, do Pazo de Vilane, e Xosé Ramón Durán, CEO de Terra de Asorei.
"O deseño gráfico ten un papel estratéxico no sector agroalimentario, o cuarto da Galiza en número de traballadoras", declarou Barro. "Aínda que, en realidade, sería o segundo, pois esa cifra chega ás 55.000, se lle sumamos o sector pesqueiro. Cremos, pois, de grande importancia e interese que, con este encontro, os nosos produtos falen ben de si mesmos e transmitan a súa calidade e a súa identidade á clientela potencial e ao público xeral".

