David Sabucedo é presidente de Amigos do Patrimonio de Toén

David Sabucedo: "Cada concello, por remoto que sexa, conta cunha riqueza patrimonial moi considerábel"

A asociación Amigos do Patrimonio de Toén naceu en outubro de 2019 co obxectivo de pór en valor e estudar o patrimonio do concello. Os doce integrantes iniciais da asociación teñen claro o potencial patrimonial de Toén, e traballan para visibilizar esa realidade, tanto pola súa conta como en colaboracións co propio concello. Para 2022 agardan poder realizar o primeiro gran estudo do castro de Trelle, que até o día de hoxe só espertou o interese de Florentino Cuevillas e de mestres universitarios. 
David Sabucedo (á esquerda), con outros membros da entidade. (Foto: Nós Diario) #davidsabucedo #rural #patrimonio
photo_camera David Sabucedo (á esquerda), con outros membros da entidade. (Foto: Nós Diario)

Como naceu a asociación?

Amigos do Patrimonio de Toén naceu en outubro de 2019. Xa viñamos tendo contactos entre as doce persoas que a fundamos. Tiñamos a inquedanza de pór en valor o patrimonio do concello e dalo a coñecer. Somos xente que vivimos case todos na mesma zona, en Moreiras, mais somos persoas moi dispares e de gremios diferentes. Desde persoas que estudaron Historia até afeccionados. Tamén xente doutros concellos que levaba tempo a facer traballos de recompilación nas súas parroquias. Colleunos a pandemia cando estabamos a rematar de constituír a asociación, e iso fixo que estivésemos medio ano paralizados. En agosto do ano pasado, un incendio que houbo en Moreiras e que fixo visíbel unha mámoa, obrigounos a activarnos inmediatamente.

Cal é o obxectivo dos integrantes?

O noso obxectivo e duplo: recoñecer e dar a coñecer o patrimonio do concello. Iso pasa por descubrir novos xacementos que aínda hoxe en día están ocultos no concello; unha vez descubertos, estudalos, como xa se está a facer con outros xacementos arqueolóxicos de Toén.

Ademais, queremos facer unha cronoloxía histórica deste concello, porque é algo que nunca se fixo. Somos unha zona moi rica a nivel patrimonial, pero aínda nos queda moito por coñecer.

Que tipo de iniciativas queren desenvolver desde a asociación?

Agora mesmo estamos colaborando co Concello de Toén para pór en valor a mámoa de Moreiras e unha necrópole que xa está catalogada desde hai trinta anos. A idea pasa por facilitar o acceso a ambos os xacementos para que se poidan estudar e coñecer, ademais de sinalizar a súa localización, coa intención de evitar posíbeis afectacións. Tamén intentar levar a cavo escavacións en xacementos da contorna, como o castro de Trelle. É un castro de grandes proporcións, pero que máis aló dunha cata de Florentino Cuevillas nos anos vinte e de mestres universitarios nos anos setenta non foi estudado. É un conxunto cunha gran complexidade, xa que está entre tres concellos e varias comunidades de montes, polo que temos que pór de acordo todas as partes implicadas. Se todo vai ben, a idea é iniciar o proxecto no ano 2022, pero é un proceso lento.

Recibiron moito apoio por parte da veciñanza do concello?

Tivemos moi boa acollida no concello, incluso xente que nunca se interesara por estes temas. Foi algo que me sorprendeu moito. O incendio de Moreiras que sacou á luz a mámoa converteuse nun punto de inflexión para a asociación. A partir dese momento, recibimos moitas chamadas nas que nos preguntaban polos xacementos arqueolóxicos. O boca a boca da veciñanza axudounos a gañar visibilidade máis rápido. Tamén hai persoas que participan ao mandar fotografías, localizacións que nós descoñecemos, historias sobre as súas parroquias...

Que políticas debe implantar a Administración para fomentar a súa protección?  

Na Galiza temos un potencial patrimonial inxente. Cada concello do país, por remoto que sexa, conta cunha riqueza patrimonial moi considerábel. Neste marco, a Administración debe facilitar que asociacións como a nosa, que non deixamos de ser afeccionados, poidamos desenvolver os traballos necesarios para pór en valor todos eses xacementos. Tanto a nivel local, nos concellos, como a nivel comarcal e nacional, deberíase tecer un marco de apoio. Iso tamén pasa por botarnos unha man no estudo dos xacementos, así como por levar a cabo unha protección efectiva dos distintos asentamentos. A catalogación é indispensábel para cumprir isto.

Comentarios